En canto a xogos, os asistentes a estes eventos poderán desfrutar de clásicos como a oca, parchís, xadrez, damas ou os crebacabezas. Pero a oferta estrela serán 3 competicións de videoxogos de gran popularidade.
En primeiro lugar será o torneo de Just Dance 2020, videoxogo de baile no que os participantes deben imitar o movemento que aparece en pantalla, bailando éxitos de antes e de agora: “Daddy Cool” de Booney M, “Don’t Stop Me Now” de Queen, “Everybody” de Backstreet Boys, “Swish Swish” de Katy Perry, “Con Altura” de Rosalía…
O segundo torneo é o de Mario Kart 8 Deluxe, saga referente entre os videoxogos familiares. O seu protagonista, Super Mario é mundialmente coñecido como un icono dos videoxogos que exclúen a violencia, motivo que serviu para premiar ao seu creador, Shigeru Miyamoto, co premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades en 2012.
A última das competicións será de FIFA 20, o mais coñecido videoxogo de fútbol. Ademais de ser a representación do deporte rei en formato videoxogo, o presidente do COI aludiu a que nun futuro é probable que vexamos un título destas características nos Xogos Olímpicos.
Estas competicións terán lugar os días 20-21 Decembro (Just Dance 2020), 27-28 de Decembro (Mario Kart 8 Deluxe) e 3-4 Xaneiro (FIFA 20) a partir das 17:00. Os venres serán unicamente de práctica para que os xogadores podan familiarizarse cos xogos de competición, mentres que os sábados serán os días nos que se desenvolvan íntegramente as rondas dos torneos.
Para levar a cabo toda a iniciativa, dende o Seminario contamos coa plataforma de xestión de torneos de Hyliacom, mesma ferramenta que empregou Nintendo en múltiples ocasións para competicións en eventos como Madrid Gaming Experience ou o Salón do Manga de Barcelona. Ademais, o Seminario tamén dispón de toda a loxística: consolas, pantallas, mandos, xogos, altavoces, portátiles, conexión a Internet para toda a zona…
Por último, para as competicións haberá premios en forma de vales de compra para gastar en Centro Comercio Histórico de Viveiro, con 180€ divididos en 9 vales de compra (3 de 30€, 3 de 20€ e 3 de 10€) para os tres primeiros clasificados de cada torneo.