Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro anima a potenciar feiras e mercados, a consumir produtos galegos, pero por riba de todo a facelo no comercio local, sector básico da nosa economía

 Viveiro, 6 de decembro, 2019. Levamos tempo alertando da imposición dun modelo de consumo ao servizo das grandes áreas de capital foráneo, que nos empobrece, atenta contra a nosa saúde, e mesmo xera hábitos de vida e de ocio deshumanizados.

Apoiar o comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza para Galiza, de humanizar cidades e impedir a desertización das nosas vilas. Está na nosa man modificar hábitos, potenciar a nosa economía e dar saída á produción galega, de extraordinaria calidade.

No BNG apostamos por prestixiar os nosos produtos primarios e por facilitar a súa comercialización. O noso obxectivo é que as persoas produtoras obteñan o máximo beneficio, e que a actividade agraria, a súa transformación e comercialización sexan un elemento de xeración de emprego e dinamización económica, que tanta falta fan.

Temos comercio e produtos de primeira. Reivindicamos a artesanía, a música, os libros, os xoguetes non sexistas, feitos na Galiza e reinvestidos na economía local.

No BNG apostamos por:

Incentivar a compra de produtos locais e galegos, con promoción da etiquetaxe en lingua galega.
Opoñerse á instalación de grandes superficies comerciais.
Recuperar os mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais.
Promover a produción alternativa e ecolóxica.
Impulsar unha marca de calidade dos produtos da horta galega.
Regular os horarios comerciais.
Estabelecer liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade.
Promover axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos.

Exit mobile version