O Valadouro, 6 de decembro de 2019. Ante a difusión de falsidades e terxiversacións levada a cabo polo alcade do Valadouro a través de medios de comunicación, mensaxes telefónicas e mesmo bandos municipais, o Grupo Municipal do BNG vese na obriga de informar á cidadanía e puntualizar os motivos polos que somos críticos con determinados asuntos:
-A recollida do lixo empeorou notablemente no noso concello e faise precisa unha remodelación deste servizo, retornando á xestión municipal como garante de óptima xerencia.
-Consideramos que os medios: DOUS OPERARIOS E UN ÚNICO CAMIÓN, resultan insuficientes para a correcta recollida de residuos nos dous concellos do val (Alfoz e O Valadouro).
-Mentres no municipio de Alfoz se efectúa correctamente a recollida selectiva de lixo, nas parroquias rurais do Valadouro carecemos de tal servizo.
-A subvención do canon eólico xa existía antes do convenio con Alfoz, non é unha novidade como se pretende facer ver.
-A subvención correspondente a 2019 XA ESTÁ COBRADA por parte do concello, e respecto da subvención do próximo ano, debemos matizar que aínda se descoñecen os seus pormenores, polo tanto, as súas condicións poden ser diferentes das actuais.
-Respecto á cooperación co concello veciño, debemos salientar que o BNG foi o primeiro en propoñer amplos marcos de colaboración con Alfoz; sempre e cando, as iniciativas comúns beneficien aos dous concellos. En ningún caso apoiaremos propostas que vaian en prexuízo dalgún dos dous municipios.
-Non entendemos o motivo polo que o alcalde defende tanto este concreto convenio con Alfoz, e en cambio, votou a favor de disolver a MANCOMUNIDADE RÍO OURO, un ente administrativo que pugnaba por mancomunar servizos e unir esforzos entre O Valadouro e Alfoz.
-Parécenos totalmente reprobable que o alcalde faga uso dun BANDO MUNICIPAL para facer política partidista, pois, como todos sabemos, os bandos son documentos públicos indicados para o anuncio de normativas, convocatorias ou alertas.
Eduardo Chao González
Portavoz do Grupo Municipal do BNG