Nesta actividade do colexio Sagrado Corazón “uníanse a poesía, a astronomía, a música e a plástica. Partindo do poema A Rosalía, de Curros, fomos colocando as constelacións máis importantes que vemos no ceo ó longo das distintas estacións. En cada constelación ía escrito un poema de Rosalía e nas estrelas que a conformaban códigos QR co poema recitado polo alumnado, versións musicadas e outros datos do mesmo. O remate do traballo era un poema de Lorca: Canción de cuna a Rosalía morta. Traballáronse os distintos poemas con versións musicadas moi diferentes: Carme Rodríguez, Amancio Prada, Astarot, Pandereteiras de Verducido, AID, … Con estas constelacións realizamos un mural que estivo decorando o patio do colexio desde febreiro, para que toda a comunidade educativa o puidera ver”, explica a xefa de estudos do centro, Begoña Sanjurjo.
A xefa de estudos do Sagrado Corazón destacou: “é un premio do que estamos moi orgullosos porque, ademais de ser unha actividade multidisciplinar en galego, foi realizada por todo o colexio en conxunto, desde o alumnado de 3 anos ata os de 16, sendo un premio para tod@s”.
O premio, que foi recollido en Santiago polas profesoras Begoña Sanjurjo e Isabel Fernández, consiste en 300 euros para comprar material en galego e unha actividade para o centro.