Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz celebrou este domingo os 40 anos de corporacións democráticas cun acto moi emotivo

 Foz, 22 de decembro de 2019. O Concello de Foz celebrou hoxe, domingo, os 40 anos de corporacións democráticas un acto moi emotivo, que se desenvolveu na Sala Bahía.
Neste evento xuntouse a familia institucional de Foz destes 40 anos sen apenas ausencias porque estiveron os catro alcaldes vivos de corporacións democráticas (Martín Beltrán, José María García Rivera, Javier Jorge Castiñeira e Fran Cajoto) e moitos dos concelleiros. A presentación correu a cargo da escritora, xornalista, e guionista focense Rosa Castro, que coñece moi ben a vida de Foz das últimas décadas. E o historiador focense Xoán Ramón Fernández Pacios fixo un importante repaso á historia de Foz, con referencias ao patrimonio e anécdotas de persoeiros do municipio ademais dun agradecemento aos dirixentes de Foz dos últimos 40 anos por levar ao pobo a onde está agora, na cabeza da Mariña tanto a nivel de poboación como de riqueza. O alcalde, Fran Cajoto, falou da importante deste tipo de actos para crear concordia e para que siga sendo puxante a vida social e política de Foz en toda A Mariña.
Os asistentes que formaron parte das corporacións municipais focenses nestes últimos 40 anos recibiron unha insignia e compartiron un viño galego, no que moitos comentaron que debería pensarse xa na celebración do 50 aniversario.
Entre os participantes houbo unanimidade á hora de salientar que este acto foi moi bonito e ben organizado, grazas ao traballo dos funcionarios do Concello e das concellerías de Comunicación e Relacións Institucionais e de Cultura.

Exit mobile version