Site icon Crónica3.com A Mariña

O florista barcelonés Jordi Ferrán ultima en Lourenzá os preparativos para as xornadas de portas abertas que se celebran no Pazo de Tovar esta fin de semana

 Lourenzá, 13 de decembro de 2019. O prestixioso florista e organizador de eventos barcelonés Jordi Ferrán ultima en Lourenzá os preparativos para as xornadas de portas abertas que se celebrarán no Pazo de Tovar (fortaleza situada na parroquia laurentina de Santo Tomé) esta fin de semana, sábado e domingo.
Nestas xornadas mostraranse as múltiples alternativas (gastronómicas, decorativas e de diversos espectáculos) que o Pazo de Tovar ofrece para desenvolver nel eventos de todo tipo personalizados e adaptados aos gustos do cliente, como vodas e outras cerimonias. Desenvolveranse mañá, sábado, de 16:00 a 22:30 horas e o domingo de 10:00 a 19:00 horas, con asistencia libre e gratuíta.
O promotor desta iniciativa é Jorge López, xerente e cociñeiro do restaurante O Forno de Tovar, anuncia que “haberá unha exhibición de fogos artificiais, amosaremos a nosa carpa transparente cunha decoración moi natural, faremos ademais unha proxección de imaxes con láser RGB nas fachadas do Pazo e así verémolo dunha maneira que nunca se viu, en distintas cores fusionado cos fogos artificiais, un espectáculo que vai lucir moito. Desta maneira o que queremos é achegar o Pazo de Tovar ao cliente, que a xente saiba o que facemos e de que maneira, as estancias que temos, os distintos salóns, nos que podemos ofertar privacidade e tranquilidade, os espazos verdes,…”.
Jorge López destaca que as xornadas desta fin de semana son “abertas ao público para que todo o mundo que queira veña e saiba quen somos e que podemos ofrecer para diferentes eventos, non só vodas senón tamén comuñóns, bautizos, comidas privadas,… É para darnos a coñecer, aínda que xa temos moita clientela, coa que estamos moi contentos, pero hai unha parte deste lugar que queremos mostrala para que a xente vexa que ten este sitio aquí e que ofrece múltiples posibilidades”.
Ademais de Jordi Ferrán neste evento colaboran Floristería Sefa, Habana Eventos, Fotos Eduardo de Martís, Instalaciones e Iluminaciones Ventoso e Pirotecnia Reiriz.

Exit mobile version