Rodríguez Bugarín apuntou que os tempos nos traxectos ferroviarios entre A Coruña e Lugo e entre Ferrol e Ribadeo poderían acurtarse de xeito significativo cun plan de modernización da vía. “Falta cohesión para un proxecto de renovación que é crucial para o tráfico de persoas e mercadorías e que pode financiarse por Europa”, sinalou o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. Xunto a eles, na presentación que tivo lugar este mediodía no Salón de Actos da Deputación de Lugo, compareceron o Presidente do Eixo Atlántico e Alcalde do Concello do Barco de Valdeorras, Alfredo García Rodríguez, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
O Presidente do Eixo destacou que Lugo é clave na modernización da rede ferroviaria de Galicia e na conexión da comunidade co resto da Península. Todos coincidiron en sinalar que tan importante como o transporte de persoas é o de mercadorías, e que o informe será un elemento importante para as administracións.
O traballo de Bugarín fai un percorrido por boa parte da historia ferroviaria das provincias de Lugo e A Coruña e recolle o nacemento, desenvolvemento e actual situación da liña que une Lugo e A Coruña e a rede costeira de vía métrica, que fai percorrido entre Ribadeo e Ferrol.
Tomé apuntou que durante as últimas décadas, o debate en torno ao ferrocarril en Galicia estivo centrado case exclusivamente en torno á alta velocidade e que sería absurdo negar a súa importancia, “pero o traballo do profesor Bugarín recórdanos tamén outras funcións sociais do ferrocarril, como o transporte de media distancia ou a súa capilaridade, ligando núcleos de poboación non conectados entre si”.