Site icon Crónica3.com A Mariña

Os cronistas da Mariña contan no Museo Provincial do Mar de San Cibrao

 Cervo, 10 de decembro, 2019. Esta actividade forma parte do programa conmemorativo dos 50 anos do Museo Provincial do Mar de San Cibrao (Cervo), na actualidade integrado na Rede Museística da Deputación de Lugo. Terá lugar o venres, 13 de decembro, no proio Museo do Mar, ás 19:00h e contará coa participación de Carlos Nuevo, cronista oficial de Viveiro, Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Ribadeo e Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo. Entrada libre.

Este faladoiro, enmarcado na efeméride de celebración do medio século de vida do Museo Provincial do Mar, tratará sobre distintos aspectos relacionados co mar, fonte vital e espiritual das xentes da Mariña deste tempo inmemorial. Nas intervencións introdutorias cada un dos cronistas falará de actividades, mitos e curiosidades relacionadas co mar e a seguir terá lugar un faladoiro coa participación do público asistente ao acto. (+ iNFO)

Carlos Nuevo. Cronista oficial de Viveiro desde decembro de 2004.
Profesor, historiador, presidente do Seminario de Estudos Terra de Viveiro dende a súa fundación. Pertence ao departamento de estudos locais do Consello da Cultura Galega. Colaborador habitual de prensa, radio, congresos e xornadas arredor da memoria histórica e a represión, coordinador e autor de numerosos artigos e publicacións de carácter histórico e biográfico.

Eduardo Gutiérrez. Cronista oficial de Ribadeo desde maio de 2016.
Profesor, historiador e alcalde de Ribadeo entre 1987 e 1995. Pertence á Asociación Internacional de Estudios Galegos. Fundou e dirixiu a Asociación Cultural Francisco Lanza e a Federación de Asociacións Culturais Galegas. Director teatral, conferenciante, autor de numerosos artigos e ensaios arredor de diversos temas políticos e de historia local.

Antonio Reigosa. Cronista oficial de Mondoñedo desde xaneiro de 2015.
Responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística da Deputación de Lugo. Escritor, investigador e divulgador da mitoloxía popular, da literatura de tradición oral e da cultura oral, autor ou coautor de numerosos artigos e libros de literatura infanto-xuvenil, literatura oral e mitoloxía popular. Creador e coordinador da enciclopedia virtual Galicia Encantada: galiciaencantada.com.

Exit mobile version