Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Mondoñedo critican a “deixadez de funcións do goberno de Elena Candia ao renunciar a tres subvencións cun investimento de máis de 29.000 euros para o Concello”

 Mondoñedo, 30 de decembro de 2019. A Voceira socialista de Mondoñedo, Esperanza González denunciou que o Goberno de Elena Candia renunciou a tres subvencións que ascenden a un total de 29.179 euros. Así o dixo tras revisar a Acta da Xunta de Goberno celebrada o día 7-10-19, e que foi enviada ao Grupo Socialista o pasado venres 13 de decembro (é dicir dous meses despois da súa celebración). Cualifica este feito como unha auténtica “deixadez de funcións por parte do Goberno”.
Segundo se constata na Acta o Goberno de Elena Candia “o Concello solicitou unha subvención o pasado 14 de febreiro 2019, para Proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021: Programa o teu Xacobeo, concretamente para a actuación denominada Potencia o Camiño Norte en Mondoñedo, e que contaba cun orzamento total de 20.000 euros con IVE. Nesta acta sinalase que “debido a motivos organizativos esta entidade non é capaz de levar a cabo esta actividade ..polo que renuncia de forma expresa a subvención concedida que ascendeu a 12.000 euros”.
Neste mesmo documento hai unha segunda renuncia a outra subvención para este mesmo programa de dinamización do Xacobeo 2021, para unha iniciativa que leva por título Bordón e Pluma. “Segundo consta o montante total deste proxecto é de 19.965 con IVE, e neste caso tamén se renuncia ao investimento que concedeu a Axencia de Turismo de Galicia para este proxecto que ascendeu a 11.979 euros”.
Por último o Concello de Mondoñedo tamén renunciou a unha terceira subvención da Conselleira de Cultura para a colaboración no financiamento para a contratación dun arquiveiro que ascendía a 5.200 euros.

O Goberno de Candia é incapaz de xestionar os recursos do Concello
“Tal e como se pode constatar o Goberno de Elena Candia é incapaz de xestionar os recursos do Concello, xa que a renuncia de tres subvencións é o síntoma máis evidente de que non é capaz de realizar os proxectos que o mesmo Concello propón”, advertiu Esperanza González.
“Tres proxectos quedaron sen executar en Mondoñedo por mor da inoperancia do Goberno de Elena Candia, e que supoñían un investimento de máis de 29.000 euros”, resumiu a voceira socialista.

Exit mobile version