Site icon Crónica3.com A Mariña

Recepción institucional no Concello de Ribadeo á voceira nacional do BNG. O Alcalde e o seu equipo mantiveron unha xuntanza de traballo con Ana Pontón e cos deputados no Parlamento galego e no Congreso, Olalla Rodil e Néstor Rego

 Ribadeo, 10 de decembro de 2019. Este mediodía tivo lugar unha recepción institucional no Concello á voceira nacional do BNG, Ana Pontón, que estivo acompañada pola deputada autonómica Olalla Rodil e polo deputado no Congreso Néstor Rego. Tras atender aos medios de comunicación á entrada do Pazo do Ibáñez, xa no salón de plenos os convidados asinaron no libro de honra do Concello ribadense e despois mantiveron un encontro de traballo co alcalde, Fernando Suárez, e co equipo de goberno.
Á súa chegada Ana Pontón explicou que “vin facer unha visita oficial ao Concello de Ribadeo. É un concello onde levamos vendo moito tempo a capacidade de transformación en positivo que ten o BNG, cómo somos quen de poñer en marcha proxectos que melloran a calidade de vida das persoas, que apostan polo comercio local, que apostan tamén por unha mobilidade sostible e por, en definitiva, mellorar as condicións de vida dos galegos e das galegas. Imos ter unha reunión para coñecer as demandas que ten este concello tanto no que se refire á Xunta de Galicia como ao goberno do Estado, que sabemos que son moitas, porque esta é unha comarca que esta moi esquecida polo goberno central e moi esquecida polo goberno da Xunta. O noso compromiso é traballar para que Ribadeo avance e para que iso signifique máis posibilidades para a xente que vive neste concello”.
O alcalde quixo “valorar moi positivamente esta recepción institucional que desde o Concello de Ribadeo lle queremos facer a estar persoas, tanto a Ana Pontón que é deputada e portavoz nacional do BNG, como a Olaia Rodil que é deputada no Parlamento galego como a Ernesto Rego que é deputado no Parlamento do Estado. Quixemos que viñeran porque estamos moi agradados deste impulso potente que eles traen e que necesitamos en Ribadeo, porque moitas veces nos sentimos sos e nos sentimos desamparados institucionalmente por parte da Xunta que se preocupa moito máis en facernos ás beiras, promocionando camisetas e subvencións pírricas por aí como unha maneira de contrarrestar as necesidades que nosoutros lles demandamos, en subministro de auga, en apoio á terceira idade cos impulsos que sempre tiveron que facer e nunca fixeron na residencia que estamos funcionando desde hai poucos meses, como en tantas e tantas infraestruturas de saneamento, etc…, que non se lles ve por ningún lado”.
Enriba da mesa Suárez Barcia puxo varios asuntos: “queremos polo tanto transmitirlle ás representantes no Parlamento galego de todas estas iniciativas para ver se somos quen de que, nos novos orzamentos da Xunta de Galicia, se poidan contemplar partidas decisivas. Por outra banda, a nivel do Estado, tamén nos sentimos durante estes últimos anos moi sos e moi desprotexidos, quizais porque non houbo presenza directa de Galicia, agora si o BNG ten representación, e eu voulles dar uns dossieres de iniciativas que, con outros deputados do Bloque no Congreso como Francisco Rodríguez e Francisco Jorquera, se levaron adiante e se puideron facer, e outras quedaron no tinteiro”. E engadiu que “durante todos estes anos que non houbo representación do Bloque en Madrid, nosoutros institucionalmente intentamos por todos os medios, pero nunca fomos escoitados, e estou falando dun segundo acceso desde a autovía A-8 a Ribadeo, en Galicia sentido a Asturias, estou falando dun acceso á circunvalación de Ribadeo importantísima, temos moitos problemas con camións de alto tonelaxe que se teñen que meter pola malla urbana para saír de Ribadeo e de todas as parroquias do interior coa madeira, etc… Tamén falo da recuperación da ruta do tren mineiro, esa xoia desde o punto de vista turístico pero tamén económico, para unir catro concellos, tanto de Asturias como de Galicia, nunha ruta que sería a máis bonita de todo o Estado como un sendeiro verde, como tantas e tantas outras iniciativas que temos aquí pendentes e que necesitamos que o goberno do Estado nos axude e para elo vexo que é moi importante que haxa presenza do Bloque Nacionalista Galego en Madrid, e por iso queremos tamén trasladarlle ao novo deputado, porque como sabemos que vai defender Galicia, tamén sabemos que vai defender Ribadeo”.
Pontón tivo palabras de agradecemento para o alcalde ribadense: “queremos darlle as grazas, primeiro a Fernando pola recepción, e tamén o recoñecemento de todo o labor que leva feito o Bloque Nacionalista Galego neste concello ao longo destes anos, basta darse un paseo por aquí para ver a importante transformación que sufriu Ribadeo. El dicía que se sentiron moi sos durante moito tempo, pero tamén é certo que aquí hai un empuxe á hora de defender as causas de Ribadeo que fai que moitas desas barreiras que ás veces se poñen desde o Estado ou desde o goberno da Xunta de Galicia do Partido Popular, se supliran con esa vontade inquebrantable que sempre ten este Concello non só de defender Ribadeo, senón que tamén iso contribúa a construír unha Galicia máis xusta e máis próspera”.

Exit mobile version