Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro destaca que a promoción do Xacobeo 2021 en Fitur “será o marco idóneo” no que difundir a crecente oferta turística lucense

Lugo, 19 de xaneiro de 2020. A promoción da provincia de Lugo na Feira Internacional de Turismo (Fitur) “pasa por explicar a nosa crecente oferta turística e aproveitar o impulso do Xacobeo 2021, que é o eixo central en torno ao cal xira a proposta elaborada pola Xunta para a edición deste ano”.

Así o explicou o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, que participará na feira en distintas presentacións sobre os recursos da provincia. O delegado sinalou que o Xacobeo é protagonista no fondo e na forma, xa que o deseño do stand da Xunta está concibido para que os visitantes se internen no chamado “túnel do Camiño” a través dun percorrido sensorial de vídeo, imaxes e son.

“Este será o marco idóneo no que difundir os atractivos da nosa provincia, atravesada por catro rutas xacobeas e porta de entrada en Galicia de tres delas que son Patrimonio da Humanidade”, afirmou Balseiro. Na mesma liña, engadiu que os Camiños Francés, Primitivo, Norte e de Inverno “son un activo fundamental para a provincia en moitos aspectos, tamén no turístico”.

O stand da Xunta en Fitur acollerá unha decena de presentacións relacionadas coa provincia entre os días 22 e 24, as xornadas reservadas aos profesionais do sector. Balseiro participará no acto da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL) para presentar a guía “…E para comer Lugo” -o mércores ás 15.15 horas-, e na exposición da oferta da Mariña lucense -o xoves ás 17.00 horas-.

Igualmente, asistirá a outras presentacións como a da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, que correrá a cargo do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez -o día 22 ás 14.00 horas-. Igualmente, contarán con presencia propia no stand da Xunta as Montañas do Courel, declaradas Xeoparque Mundial pola Unesco, a capital lucense, as reservas da biosfera e programas como os trens turísticos, entre outros moitos recursos.

Exit mobile version