Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro subliña que A Mariña anotou récords incrementando nun 12% a cifra de turistas e nun 8,8% a de pernoitas no 2019

 Madrid, 23 de xaneiro de 2020. Entre xaneiro e novembro do pasado ano, a comarca da Mariña incrementou a cifra de viaxeiros aloxados nun 12%, ata alcanzar os 156.000 visitantes, e o volume de pernoitas nun 8,8%. Así o confirmou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que botou man dos últimos datos dispoñibles para gabar en Fitur a traxectoria ascendente do xeodestino.

Balseiro participou na presentación da oferta turística da Mariña lucense que tivo lugar no stand da Xunta na Feira Internacional de Turismo. Neste marco, sinalou que “este é o sétimo ano consecutivo no que se rexistra un aumento da demanda hoteleira na comarca”, o que conleva máximos históricos, contabilizando 318.000 noites nos establecementos hoteleiros no 2019 -excluído decembro- fronte ás 192.000 noites do 2012.

O delegado sinalou que a Xunta de Galicia “cre, defende e apoia a potencialidade turística da comarca” e aludiu á necesidade de desestacionalizar a oferta porque “cada estación ten o seu encanto na Mariña e merece a pena experimentalo”. Con este obxectivo, engadiu, “desenvólvense actividades ao longo de todo o ano que complementan a experiencia do turismo de natureza, con paisaxe de mar e montaña, e gastronómico que poden disfrutarse en calquera momento”.

A Consellería de Cultura e Turismo financia estas iniciativas a través dun convenio bianual polo que achega 160.000 euros á Mancomunidade de Municipios da Mariña -que xestiona o xeodestino- para o desenvolvemento de accións de dinamización turística.

Exit mobile version