Site icon Crónica3.com A Mariña

Celso Delgado di que non poden loitar contra o despoboamento os mesmos que están a xerar as incidencias ferroviarias rexistradas en Galicia

Monforte, 19 de xaneiro. 2020. O Partido Popular de Galicia denunciou hoxe a dramática situación que padece o servizo ferroviario no territorio, e a falta de interese do Goberno central nas infraestruturas galegas. Á decisión do Goberno socialista de suprimir o servizo de venta presencial de billetes en algunhas estacións, e ás continuas incidencias que hai en liñas como a que conecta Vigo con León (con conexións en concellos como Redondela, Porriño, Ribadavia, Ourense, Monforte, Quiroga, a Rúa, O Barco, Ponferrada ou Astorga) súmanse os novos retrasos anunciados esta semana para a posta en servizo do AVE que debería unir o noso territorio coa Meseta.

Por iso, a presidenta provincial, Elena Candia, xunto co vicesecretario de Participación do PP, Jaime de Olano, e unha ampla representación de deputados e senadores galegos -ademais de dirixentes do PP de León-, reuníronse en Monforte de Lemos con alcaldes e voceiros dos concellos máis afectados tanto polas interrupcións no servizo de trens como polo fin dese servizo de despacho de billetes.

Alí, na estación de trens do municipio, un dos máis afectados polos problemas ferroviarios ocasionados polo Goberno, o parlamentario Celso Delgado lamentou o progresivo deterioro do servizo que presta Renfe en Galicia. “Nesta liña están a circular trens que levan 35 anos funcionando”, dixo. “As avarías son constantes porque o material está obsoleto e iso provoca retrasos e cancelacións”, afirmou, e referiuse tamén á falla de maquinistas e aos inexistentes protocolos de atención ao pasaxeiro cando se producen incidencias.

Ademais, fixo mención ao fin da venda de billetes de forma presencial nalgunhas estacións como a Carballiño, Ribadavia, Ortigueira, Burela, Sarria,, Viveiro, Guillarei e Redondela. Delgado lamentou que o Goberno teña a intención de penalizar aos veciños deses concellos e aos das súas áreas de influencia, e anunciou que o PPdeG presentará unha batería de iniciativas nas Cortes Xerais (que se sumarán a outras presentadas, por exemplo, nos concellos galegos e no Parlamento autonómico) en defensa do servizo ferroviario.

Nese sentido, lembrou que esta semana soubemos pola UE que o AVE galego non só non estivo en probas en 2019 como se comprometeu Pedro Sánchez senón que previsiblemente tampouco estará no Ano Xacobeo. “Un novo ataque a esta terra e máis tempo e oportunidades perdidas para os galegos”, lamentou, ao que engadiu os retrasos nas autovías pendentes, como a Ourense-Ponferrada e a Ourense-Lugo.

Pola súa banda, o vicesecretario de Participación do PP e deputado por Lugo, Jaime de Olano, fixo mención aos continuos ataques do Goberno de España a Galicia. De feito, lembrou que as incidencias que están a padecer aqueles que usan o tren como medio de transporte se suman a outros máis globais, como a débeda de 370 millóns de euros que Pedro Sánchez non quere pagar aos galegos.

O parlamentario dixo que os problemas ferroviarios nestes concellos son responsabilidade dun Executivo que en Madrid fala da España baleirada pero que fóra dos micrófonos reduce servizos e prestacións nos concellos medios e pequenos.

Jaime de Olano lembrou a necesidade de convocar de xeito inmediato o Consejo de Política Fiscal e Financeira e que o sistema de Financiamento sexa reformulado para que a arbitrariedade de ningún goberno en xeral poida prexudicar os dereitos de ningún territorio nin se podan furtar cartos a ningunha autonomía. “Co primeiro orzamento que presentaron rebaixaron un 30% o investimento en Galicia e incrementaron o diñeiro nun 60% para outros territorios”, apuntou.

Pola súa banda, a presidenta provincial, Elena Candia, pediu aos socialistas galegos que deixen de aplaudir as decisións do Goberno central, que “fai exactamente o contrario do que debería para afrontar o reto demográfico”.

Exit mobile version