Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as obras para a instalación de fibra óptica en Barreiros

 Barreiros, 17 de xaneiro de 2020. Nas vindeiras semanas comezarán as obras para a instalación da fibra óptica no concello de Barreiros. Nunha primeira fase, que comezará polo parque empresarial, achegarase a infraestrutura ás parroquias costeiras; estando pendente a elaboración do estudo para a súa extensión ás parroquias do interior.
A previsión da empresa Adamo é que durante o mes de febreiro se desenvolvan as obras para a instalación de fibra óptica de alta velocidade no concello de Barreiros, sendo así dos primeiros da zona en contar con este servizo.
A alcaldesa, Ana Ermida, valora positivamente esta noticia, xa que a día de hoxe contar con unha conexión a internet é fundamental para calquera empresa, persoa autónoma ou particular, xa que a tendencia é a que a maioría das xestións se realicen por esa vía.” Neste sentido apunta a que “o feito de contar con fibra óptica de gran velocidade no polígono industrial dálle un valor engadido a Barreiros, xa que non só é un polígono con inmellorables comunicacións por transporte, senón tamén virtuais; o que o fai aínda máis competitivo.”
Desde o Concello aseguran que o interese do goberno municipal é lograr a instalación do servizo na totalidade do termo municipal, polo que tratarán de que se realice o estudo para a súa extensión ás parroquias do interior.

Exit mobile version