Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello e Acisa manteñen encontros este xoves en Fitur cunha ducia de axencias de viaxes e turoperadores para dar a coñecer os recursos turísticos de Ribadeo

 Ribadeo, 23 de xaneiro de 2020. Concello e Acisa manteñen encontros hoxe en Fitur cunha ducia de axencias de viaxes e turoperadores para dar a coñecer os recursos turísticos de Ribadeo. A promoción céntrase no Camiño Norte, no legado indiano e na praia das Catedrais.
Desde Madrid o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, explicou que “estamos a facer fincapé en Ribadeo como punto de partida do Camiño Norte, xa que hai moita xente que elixe o noso concello para saír desde aquí e facer esta ruta ata Compostela. Queremos crear unha rede de establecementos amigos do Camiño de Santiago de cara a ir preparándonos para o Xacobeo 2021”.
O edil ribadense sinalou que “sabemos que o peregrino escolle Ribadeo como punto da partida para facer o camiño e o que pretendemos é afianzar a Ribadeo como porta de entrada a Galicia a través do Camiño Norte. Queremos que o peregrino prepare en Ribadeo a súa ruta, que estea con nós un par de días facendo os seus preparativos e que aproveite para coñecernos un pouco máis, co obxectivo de que visite tanto a catedral natural como a espiritual, é dicir para que visite a praia das Catedrais e a Catedral de Santiago de Compostela, os dous monumentos que máis turistas reciben en Galicia”.
Pola súa banda, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, dixo que “o que estamos a facer é manter unha intensa axenda de traballo estes dous días, xoves e venres, co fin de ir conseguindo pouco a pouco que Ribadeo reciba turistas ao longo de todo o ano e non só na Semana Santa e nos veráns. Temos moitos recursos que ofrecer de xaneiro a decembro”. E subliñou que “iso terá unha repercusión importante tanto na hostalería como na restauración e no comercio. A promoción que fagamos de Ribadeo, tanto desde o Concello como desde Acisa será beneficiosa para todas e todos nós”.
Pablo Vizoso intervirá esta tarde na presentación que a Mancomunidade de Concellos da Mariña realizará en Fitur e na que se van presentar cinco experiencias turísticas. Dúas delas serán defendidas polo Concello de Ribadeo: as xeorutas e as audioguías ficcionadas.
O concelleiro de Turismo lembrou que “Ribadeo foi pioneiro en Galicia na posta en marcha das xeorutas, unha iniciativa que xurdiu aló polo ano 2015. Despois outros moitos concellos fixéronse eco desta idea e comezaron a promocionar o turismo xeolóxico, pero os primeiros fomos nós en Ribadeo. Diso vou falar esta tarde e tamén das audioguías ficcionadas coas que contan os Concellos de Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo. A nosa está centrada no legado indiano e en Fitur imos facer promoción do noso Ribadeo Indiano”.

Exit mobile version