Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 3.000 persoas seguiron en directo o sorteo da IX Festa do Comercio de Acisa, celebrado o pasado sábado en Ribadeo. A asociación cualifica de auténtico éxito a cita

 Ribadeo, 13 de xaneiro de 2020. Máis de 3.000 persoas seguiron en directo o sorteo da IX Festa do Comercio, celebrado o pasado sábado na carpa instalada no parque de San Francisco. Acisa cualifica de auténtico éxito a cita.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, subliñou que “daba vértigo ver desde o escenario a carpa chea de público e todo o exterior ateigado de xente. Nesta edición instalamos tres pantallas para seguir o sorteo, unha no interior da carpa e dúas no exterior e tamén son en varios altavoces para que todo o mundo seguise o sorteo en perfectas condicións. De feito a maioría das premiadas estaban a seguir o sorteo desde o exterior da carpa”.
O xerente, Jesús Pérez, dixo que “o Teatro quedábase pequeno para a Festa do Comercio e esta carpa de grandes dimensións tamén se queda reducida para acoller aos milleiros de persoas que cada ano se achegan a Ribadeo seguir o sorteo da Festa do Comercio. Estamos encantados porque as urnas enchéronse de papeletas e iso quere dicir que a xente veu a Ribadeo a facer as súas compras de Nadal e que elixiu a hostalería local para as súas celebracións”.
Iriarte engadiu que “o sorteo, un ano máis, foi rápido porque os tres premios presenciais apareceron rápido e á primeira. Contamos coas mans inocentes de tres nenas que foron introducidas na urna de grandes dimensións que instalamos no escenario e que foron extraendo as papeletas unha a unha. E despois como agradecemento levaron un pequeno agasallo de Acisa, un vale de 50 euros para gastar nalgún xogo ou en material escolar, por exemplo”.
Tanto o presidente coma o xerente de Acisa destacan “a labor do persoal do Concello de Ribadeo na preparación das instalacións así coma no transcurso do sorteo, foi moi importante para nos e tamén agradecemos a labor de El Farero Audiovisuales, que estivo á fronte da realización da gala”.
Premio non presencial
O primeiro non presencial, que se coñeceu mediante un programa informático, foi para o número 77.801. O posuidor ou posuidora desta papeleta dispón ata o día 17 de xaneiro para presentarse nas oficinas de Acisa Ribadeo e así cobrar o premio. De non personarse considerarase deserto.

Exit mobile version