Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo cede unha parcela municipal do polígono de Cuíña para o desenvolvemento de drons

 Cervo, 25 de xaneiro de 2020.- O Concello de Cervo cederá unha parcela municipal do Polígono de Cuíña para o desenvolvemento de drons.
Será a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) a que empregará estes terreos, nos que xa estiveron realizando probas nestes últimos meses, para instalar un Centro Experimental para Vehículos Non Tripulados.
O Concello transferiralle a parcela 165 do Polígono Industrial de Cuíña, que conta cunha superficie de 2.365 m2; o trámite ratificarase oficialmente no pleno ordinario que se celebrará a próxima semana.
Villares precisou que esta nova actividade contribuirá ao crecemento do noso municipio, en diferentes vertentes, incrementando notablemente a súa visibilidade cara o exterior, “ao situar a Cervo no mapa da vangarda tecnolóxica, como punto estratéxico de referencia para un sector en potencial crecemento, como é o mundo do drons”.
O rexedor subliñou que “cremos que é fundamental facilitar a implantación de novas empresas ou servizos no ámbito municipal, e desde o Concello poñemos todas as ferramentas que temos ao noso alcance para elo; porque a creación de emprego está entre os nosos obxectivo prioritarios”.
Por iso –engadiu- “apostamos pola posta en marcha do Centro de Emprendemento de Sargadelos alugando locais públicos para o desenvolvemento de diferentes actividades produtivas a un prezo simbólico; e agora cedemos este terreo porque cremos que a aposta polo I+D+I é un valor seguro, e este é un dos sectores con maior proxección futura a nivel internacional.
Nesta liña, precisou que a Comisión Europea estima que en 2020 sucarán os ceos 100.000 drons e en 2050 operarán xa medio millón de unidades. Calculan, ademais, que as actividades vencelladas ás aeronaves non tripuladas xerarán 100.000 novos empregos e acadarán unha cifra de negocio de 10.000 millóns de euros ao ano.

Exit mobile version