Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo comeza o programa Aquí?…como de 20!!!, en doce parroquias coas Tardes de Lecer

 Ribadeo, 20 de xaneiro de 2020. O Concello de Ribadeo comeza estel luns o programa Aquí?…como de 20!!!, en doce parroquias coas Tardes de Lecer. Durante toda a semana están abertas as inscricións tanto para estes talleres de memoria como para o programa Movemento Activo, actividades de ximnasia que se impartirán polas tardes en 14 lugares ribadenses. Por primeira vez o programa Aquí?…como de 20!!!, destinado a persoas maiores, ven de adxudicarse a unha empresa por un prazo de tres anos. O investimento anual será duns 43.000 euros, segundo explicou o alcalde, Fernando Suárez. Hai seis anos que comezou este programa en Ribadeo con 30 participantes e a pasada edición chegou a uns 130, segundo comentou Susana Álvarez, a técnica da empresa adxudicataria.
A concelleira de Educación e Mocidade, Mariluz Álvarez Lastra, lembrou que “é un programa que viñemos facendo ao longo dos últimos anos no entorno rural para aquelas persoas maiores de 65 anos. É un programa que trata de dinamizar a vida nas parroquias que temos e tamén de poñer en contacto á nosa xente maior. Para nós é moi importante mantelos activos, que manteñan o contacto, que se relacionen e sobre todo que teñan lugares e puntos de encontro para facer cousas. Consideramos que nestas etapas da vida un elemento básico é traballar aqueles aspectos como poden ser a memoria como algo fundamental, os recordos e a actividade física adaptada ás súas idades”.
A edil ribadense subliñou que “é un programa no que apostamos desde fai varios anos e que quixemos este ano continualo, dunha maneira distinta, facendo unha licitación a través dunha empresa para que perdure no tempo. Ata o momento tíñamos que facelo por anos puntuais ou períodos lectivos que comezaban sobre o mes de setembro e remataban no mes de maio, e agora vai ter, se todo vai ben, unha periodicidade de tres anos cando menos, entón serán concatenados. Para nós tamén era moi importante que as persoas que estean ao fronte deste programa tiveran un coñecemento tanto da idiosincrasia do noso concello, das parroquias nas que está dividido, como da xente coa que se traballa. Para traballar cos nosos maiores non vale calquera persoa, necesitamos xente activa, xente dinámica, que se poña no lugar deles e sexa dalgún xeito a súa amiga e confidente porque iso para nós tamén é moi importante. Non debemos esquecer que nestas etapas da vida soen aparecer a veces determinados síntomas de perda de memoria que a través desas actividades non é a primeira vez que se detecta e que se pode traballar e prever”.
Álvarez Lastra engadiu: “polo tanto ten moitas connotacións, desde a relación social, a prevención de determinado tipo de enfermidades, mantelos activos e sobre todo telos informados. É unha rede onde a través das persoas que acoden alí levan a información das distintas áreas que se levan no Concello e fan que sexan partícipes. Todo o mundo sabe como participou a xente do rural nas actividades do 25 de novembro ao longo dos últimos anos e no programa do 8 de marzo, co cal tamén se lles dá un plus de valía, senten que se teñen en conta e activos, están aí e teñen moito que aportar. Fanse intercambios de actividades coas xeracións máis noviñas, co cal eses intercambios interxeracionais nos parecen fundamentais. É un programa moi importante que nestes primeiros anos foi totalmente gratuíto, e este ano vai continuar sendo unha aposta forte do Concello de Ribadeo dende a Área de Servizos Sociais, dende a Área de Xuventude, dende o ámbito educativo e dende a Alcaldía”.
A edil de Educación e Mocidade en Ribadeo explicou que “Tardes de Lecer é o programa que está máis dedicado ao traballo da memoria, dos recordos, da mente e da parte psicolóxica e afectiva das persoas. Vaise desenvolver nos dez lugares onde se viña facendo, en horario de tarde, e imos aumentar dúas máis, en Ove e en Vilaframil, a petición dos seus veciños, que van ser en horario de mañá, de 10 a 12:30 horas. As tardes divídense en dous tramos, desde as tres e media ás seis nunha parroquia e desde as seis e media ás nove noutra. Tamén temos a parte de Movemento Activo, que son as clases de ximnasia. Imos facelo en catorce lugares, en horario de tarde. Podemos dicir que cumprimos a ratio de todas as parroquias. Sempre animamos ás persoas a que, se poden, acudan a outras parroquias para participar nas actividades. É inviable, cos calendarios que temos e coas dúas monitoras das que dispoñemos, poder facelo en todos os lugares do noso concello. Polo tanto facemos aquelas actividades onde existe un mínimo de seis participantes. As Tardes de Lecer son en: Vilela, Remourelle, Ove, Cinxe, Vilaselán, Rinlo, Ribadeo, Cedofeita, As Anzas, Vilaframil, Santalla e Couxela. Movemento Activo é en: Cinxe, Rinlo, Ove, Remourelle, Covelas, Vilela, Couxela, Santalla, As Anzas, Piñeira, Vilaselán, Ribadeo, O Rato e Vilaframil”.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, declarou que “estamos moi satisfeitos por esta iniciativa, que imos poñer en marcha de maneira inmediata, pola transversalidade que supón entre varias áreas do Concello, e ao mesmo tempo porque non queremos apostar por unha actividade unha vez ao ano, como moitos outros fan por aí, senón que queremos facer moitas actividades ao longo de todo o ano, tanto desde o punto de vista físico con Movemento Activo como desde outro punto de vista moito máis afectivo, de lecer, obradoiros de memoria, etc… Polo tanto queremos animar, non só aos que xa participaron nestes últimos anos, senón que agora queremos redobrar para dirixirnos a máis xente para que se animen porque vai ser máis e mellor. Este investimento importante que facemos, de máis de 43.000 euros ao ano, pensamos que está moi ben empregado para todas estas persoas do noso medio que están nunha idade aínda activa, pero que queremos darlles actividades de relación social e tamén físicas. Polo tanto benvida esta iniciativa e esperemos que se anoten cantos máis mellor”.
A técnica da empresa adxudicataria, Susana Álvarez, manifestou que “levo con este programa dende hai seis anos, con distintos xeitos, formas e maneiras. Comezamos con algo moi incipiente, un día Mari Luz e máis eu escacholamos un pouco a cabeza e pensamos porque non. Empezamos primeiro cun programa tipo durante tres meses en varias zonas, eran 30 persoas e logo vimos que a demanda era grande, comezamos a ampliar e xa tíñamos 80 persoas ao ano seguinte, logo subimos a 100 e ultimamente xa estábamos en 130 persoas. O ano pasado fíxose tai-chi, terapia de espalda e o programa Tardes de Lecer. Entre todos sumamos sobre 135 persoas dado que a xente que acode a unha actividade normalmente vai a varias, e incluso a varias parroquias. Hai xente que vai de Vilaselán a Ribadeo, e de Ribadeo a Vilaselán, senón a Vilela ou ás Anzas porque teñen alí amizades ou se criaron alí. É unha actividade moi bonita e moi transversal”.
Álvarez engadiu que “traballamos todo tipo de circunstancias e movémonos en todo tipo de ambientes. Intentamos que sexa tamén unha actividade conciliadora, as avoas e avós están ao cargo dos netos e se o neto ten que vir á actividade e alí facer a tarefa mentres nós facemos os nosos exercicios, porque non, non todo vai ser folgar e comer biscoito, e despois botamos todos xuntos a partida porque todos teñen moito que aportar. Os nenos dan vitalidade e teñen moito que ensinar, e os maiores tamén son uns grandes catedráticos da vida. Desde aquí queremos animar á xente. Este ano a empresa tivo a ben contratarme, cousa que me enche de orgullo e satisfacción porque por nada do mundo quixera deixar á miña xentiña das parroquias”.
Susana Álvarez explicou que “quixemos ampliar un pouco e poñer as parroquias de Ove e Vilaframil, dado que podemos e estamos cada vez máis no ambiente. Temos páxina de facebook e unha canle de youtube, convidamos a todo o mundo a que vexa os nosos super vídeos, queremos que todo o mundo se anime e estaremos, eu e máis a miña compañeira, encantadas. Estamos reorganizando o tema da ximnasia porque, como ten que haber un mínimo de 6 persoas, temos que mirar os espazos cos que contamos e mirar como está a xente a nivel físico para planificar dun xeito responsable e que así todo o mundo teña a posibilidade de acudir. Toda esta semana estaremos coas inscricións nos lugares, xa temos os grupos de whatsapp feitos e mandamos a información”.
No acto de presentación, que tivo lugar no salón de plenos do Concello, participou tamén a concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire.

Exit mobile version