Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro fai un balance moi satisfactorio da súa presenza en Fitur, onde este venres presentou a súa Semana Santa

 Madrid, 24 de xaneiro de 2020. O Concello de Viveiro fai un balance “moi satisfactorio” da súa presenza en Fitur, onde hoxe presentou a súa Semana Santa e pechou unha numerosa rolda de reunións de traballo con touroperadores internacionais.
Entre os touroperadores e empresas del sector que mostraron interese e falaron co Concello de Viveiro están Tee Travel, especializada no Camiño de Santiago e en rutas en bicicleta; You Travel; os portugueses de VA Tour; TUI Holidays; Arco Travel Millenium, ou Irmitours.
Todos eles manifestaron que Viveiro é un destino moi atractivo e estudarán como integralo nos seus paquetes de viaxes, o que incrementará a chegada de turistas de toda a Europa á vila.
A alcaldesa, María Loureiro, presentou a Semana Santa de Viveiro nun acto de todas as Semana Santa de Galicia, cun discurso e un vídeo das procesións nocturnas que concitou un elevado interese e impulsa a proxección internacional do evento.
“Falamos dunha celebración con máis de 800 anos de historia, que destaca pola súa tradición, pola riqueza patrimonial da súa imaxinería e a implicación veciñal, ademais da súa propia contorna”, explicou.
“As orixes da nosa Semana Santa remóntanse ao século XIII, coincidindo co asentamento en Viveiro das ordes mendicantes de franciscanos e dominicos, que utilizaron os actos litúrxicos e procesionais para transmitir a mensaxe de forma sinxela para o pobo; estas procesións foron asumidas polas distintas confrarías que se foron constituíndo ao longo dos séculos”, manifestou Loureiro.
As máis antigas son a Venerable Orde Terceira Franciscana e a Ilustre Confraría do Santísimo Rosario, que foron responsables dos actos de Semana Santa ata que, en 1944, fundouse a Confraría do Santísimo Cristo da Piedade; desa naceron tres irmandades: a do Prendimiento, a das Sete Palabras e a da Santa Cruz, esta última formada integramente por mulleres.
Hai que sumar as dúas máis recentes, a de ‘O Nazareno dos de fóra’ e a da Misericordia. É necesario facer referencia, ademais, á Xunta de Confrarías, creada en 1992, que se encarga de organizar e coordinar os actos que se celebran antes, durante e despois da Semana Santa.
“A Semana Santa de Viveiro inclúe quince procesións e varios actos litúrxicos, desde o Venres de Dores ata o Domingo de Resurrección, entre os que destacan o Encontro e o Desencravo, ambos con figuras articuladas, que se representan do mesmo xeito desde a Idade Media”, engadiu.
“É, en definitiva, un dos nosos signos de identidade e un dos nosos recursos turísticos máis importantes; somos conscientes da súa importancia e, xunto coa Xunta de Confrarías, traballamos para potenciar a súa proxección internacional”, puntualizou a alcadesa.
A última iniciativa neste sentido foi a adhesión á Rede Europea das Celebracións de Semana Santa e Pascua, que se constituíu na cidade portuguesa de Braga en marzo de 2019, co obxectivo de conseguir o primeiro Itinerario Cultural Europeo de Celebracións de Semana Santa e Pascua. “Unha iniciativa que se presentou onte mesmo nesta feira e coa que estamos especialmente ilusionados, pois consideramos que supón un paso máis para nosa Semana Santa”, rematou María Loureiro.

Exit mobile version