A vicevoceira do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Elena Sierra, incide en que “dende o Grupo Municipal Popular continuamos defendendo a mesma postura: que se manteña a recollida do lixo tamén durante os festivos”. Dende o PP ribadense consideran que eliminar este servizo supón “unha redución dos servizos públicos aos veciños e veciñas de Ribadeo”. Así mesmo, a popular indica que “a presenza de lixo nas rúas do municipio é prexudicial para o turismo porque ofrece unha mala imaxe de Ribadeo”.
A concelleira do PP ribadense tenlle solicitado ao goberno local do BNG “menos escusas e máis solucións” na procura dun plan de traballo que respectara as condicións dos traballadores e garantira a recollida do lixo todos os días do ano. “Xa que dende o goberno de Fernando Suárez non escoitaron as nosas peticións e decidiron de forma unilateral prescindir da recollida durante os festivos, esperamos que teñan en conta que as taxas polo servizo que cobran aos veciños e veciñas deben diminuír na súa porcentaxe proporcional”. Sierra defende que “non é xusto que os ribadenses teñamos que pagar por un servizo municipal que non se presta”.