A este respecto, o deputado Jesús Novo, encargado de defender esta proposta, indicou ao comezo da sesión que “se ben é certo que hai indicios, aínda que nada oficial, malia que a oposición de Arousa lle dixo ao alcalde que xa retiraban o borrador, e hai empresas afectadas, o que pretendemos é saber que vai pasar con elas, dado que xa teñen a comunicación de non seguir coa actividade”.
Deste xeito, o grupo do PP insta ao Goberno de España a que «a reforma da normativa de Costas manteña o actual sistema regulatorio das concesións de ocupación de dominio público marítimo terrestre para os establecementos do complexo mar-industria alimentaria, dada a súa vital dependencia da captación directa de auga de mar e por tanto da ocupación parcial da zona marítimo terrestre imprescindible para o funcionamento racional e sustentable dos devanditos establecementos».
A profunda reforma do Regulamento que intenta o Goberno parece adiantar cambios na Lei de Costas e causa profunda preocupación entre os sectores máis directamente afectados, segundo destacan os deputados populares. Esta preocupación ten a súa base na introdución de preceptos novos que amparan interpretacións moi restritivas da Lei de Costas. Polo seu articulado, espállanse preceptos moi xenéricos e abstractos que incrementan as esixencias medioambientais, limitando así as posibilidades de exercer actividades ligadas ao tecido produtivo costeiro, en Galicia en xeral, e en Lugo en particular.
Entre os motivos de preocupación nos sectores afectados, está o drástico recorte do prazo de duración das concesións de ocupación na zona de dominio público marítimo terrestre, que se fixan nun máximo de trinta anos; ata agora pode chegar a 80 anos, entre os 30 da concesión inicial e os 45 ou 50 da prórroga extraordinaria. A figura da prórroga extraordinaria tamén é obxecto de redución para as concesións actualmente en vigor.
As limitacións a actividades probadamente sostibles dende o punto de vista medioambiental parecen obedecer a unha decisión do Goberno de optar por un litoral libre de actividade produtiva para dar preferencia a usos recreativos, fronte aos tradicionalmente vinculados á industria mar-alimentaria.