Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP valora positivamente os contratos para combater a néboa na A-8 no Fiouco, consecuencia das medidas de Rajoy en 2017, e reclama o arranxo urxente da N-634

 Lugo, a 25 de xaneiro de 2020. No Partido Popular de Lugo e no Concello de Mondoñedo, presididos ambos por Elena Candia, valoran positivamente o paso dado polo Goberno para buscar solución fronte a néboa na A-8, no Fiouco. É a consecuencia lóxica, segundo destacan, das medidas adoptadas polo Goberno presidido por Mariano Rajoy en setembro de 2017 (https://www.mitma.gob.es/el-ministerio/sala-de-prensa/noticias/jue-28092017-1331), cando os ministerios de Fomento e Economía firmaron un convenio de colaboración para financiar a Compra Pública Innovadora (CPI) que permitiría a instalación de prototipos no tramo da Autovía do Cantábrico (A-8) entre Mondoñedo e Abadín, no Alto do Fiouco, para buscar una solución aos problemas de seguridade que ocasionan a miúdo os bancos de néboa, que obrigan a cortar o tráfico. Iso si, din que a tramitación seguramente puido ser máis rápida, dada a necesidade de resolver o problema.

Desde o PP de Lugo, presidido por Elena Candia, destácase, ao mesmo tempo, a necesidade de acometer as melloras que precisa a N-634 (de San Sebastián a Santiago de Compostela), unha vía que absorbe por si mesma unha gran cantidade de tráfico, que se incrementa moi considerablemente cando, a causa da néboa, se pecha a A-8 no Alto do Fiouco. Candia insiste en que non deixará de solicitar con intensidade investimentos na mellora da N-634, por seguridade. Recoñece que ao Concello de Mondoñedo lle interesa ter unha N-634 en condicións, con bo pavimento e sinalización e alumeado, pero resalta que non é só un asunto local. «Non imos deixar de insistir nesta demanda; agora aínda con máis intensidade», asegura. Di que a N-634 precisa melloras no firme en moitos treitos, así como unha ampliación da sinalización. A maiores, deben ser iluminadas as saídas a autovía. Candia destaca que, ao paso polo municipio que goberna, a N-634 non se atopa nas condicións necesarias para absorber o tráfico que soporta.

Candia conseguira en abril de 2017 un compromiso do Ministerio de Fomento para efectuar un estudo previo ao proxecto de mellora da citada estrada. Posteriormente, efectuou xestións con representantes do Goberno central para reivindicar a execución do compromiso adquirido por Fomento. Agora inicia xestións co actual Goberno.
.

Exit mobile version