“É básico crear estruturas de xestión de carácter multidisciplinar e participativas que promovan accións transversais en impulso da marca turística Lugo”, engadiu José Tomé, quen destacou neste sentido a creación por parte da Deputación do Consello Provincial de Turismo, un órgano formando por diversos axentes implicados no sector, entre eles, a propia Asociación de Empresarios de Hostalería, no que se deciden e acordan accións en impulso da actividade turística.
A participación no acto de presentación da nova guía …E para Comer Lugo formou parte da intensa axenda que mantiveron este mércores en FITUR o Presidente e a Deputada de Turismo, que incluíu a asistencia á outras citas, como a presentación da Rede Galega de Reservas da Biosfera, da que forma parte a Deputación como xestora das reservas de Terras do Miño e Ancares; e a da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, na que o organismo provincial xoga un papel fundamental dende que no 2011 impulsou unha campaña institucional e social en favor do recoñecemento deste enclave como Ben Mundial pola UNESCO.
Así mesmo, José Tomé e Pilar García Porto asistiron á presentación Camiño ao Xacobeo 2021, no marco da súa aposta por que a provincia teña un papel central de cara ao vindeiro Ano Santo e poida aproveitar todo o potencial que representa o turismo vinculado ás rutas xacobeas, con máis de 800 quilómetros ao longo de todo o territorio lucense.
O Presidente e a Deputada de Turismo estiveron tamén presentes na presentación da campaña de promoción turística en FITUR da Deputación da Coruña e na da Semana Verde, ademais de manter ao longo desta primeira xornada na Feira Internacional de Turismo diversos contactos con representantes de empresas e medios de comunicación vinculados coa actividade turística.
A Deputación considera fundamental a presencia da provincia nesta cita internacional, que conta coa presencia de 11.040 empresas de 165 países e que o ano pasado recibiu a máis de 253.000 visitantes. “Este é un escaparate único para presentarnos ante os miles de visitantes e profesionais que se achegan dende todo o mundo. Nós traemos aquí aplicacións novidosas, novas oportunidades e experiencias diferenciadas que os visitantes poden atopar en Lugo. Trátase de aproveitar a oportunidade para posicionarnos no mapa do turismo mundial”, subliñou Pilar García Porto.
A institución provincial centra este ano a súa presencia en FITUR no impulso do turismo a través das novas tecnoloxías. Mañá, ás 11.30 horas, no stand de Galicia, o Presidente presentará dúas novas aplicacións gratuítas para dispositivos móbiles –Inventrip e Lugo 360-, que buscan atraer máis visitantes e mellorar a súa experiencia de viaxe na provincia.