Site icon Crónica3.com A Mariña

“¿Polas súas obras a coñeceredes?”, por Óscar Rodríguez

Despréndese da recente carta da alcaldesa certo malestar debido a un escrito anterior no que eu resaltaba a falta de xestión do Concello, que, segundo o meu modo de entender, é evidente. Quero dicirlle que en ningún momento se me ocorrería falar da súa persoa, entre outras cousas porque non quero, non debo e non é ese o meu talante.

En primeiro lugar vexo que segue na súa liña de facerse a vítima e creo que, nestes intres, xa non lle cola ese conto á veciñanza, porque a xente de Viveiro comprende que iso non chega. Viveiro precisa feitos para saír da parálise que padece; non se poden deixar pasar as décadas e ter un casco histórico cun 50% de inmobles co letreiro de “véndese ou alúgase”e outros moitos en ruínas, ademais dun paseo marítimo con valos durante anos, polo seu mal estado. E que dicir do rural, carente do máis necesario, como comprobará se dá unha volta pola estrada de Riaño, ou como esquecer a praia de Covas, que máis que praia parece una selva tropical.

Quérolle dicir, alcaldesa, que hai parroquias, como Celeiro, nas que a inversión é mínima, e, como consecuencia, favorécese o despoboamento, que se está a producir a pasos axigantados. Por poñer outro exemplo de como afecta a falta de xestión de vostede, hai un barrio como o de Cantarrana totalmente descoidado e deshumanizado; numerosos lugares sen saneamento e algúns sen servizo municipal de auga potable. Ten demostrada unha incapacidade total para definir a tan ansiada circunvalación, para levar a cabo o PXOM e un largo etcétera co que poderiamos encher un  feixe de folios. Mire alcaldesa, despois de ler a súa carta dúas ou tres veces, sigo pensando, como o primeiro día, que recoñece que a súa xestión é nula; iso si, botándolle sempre a culpa os demais, pero nula.

Tamén fala vostede dunha comisión de Urbanismo  á que se me citou para falar do PXOM e di, entre interrogantes, que quedei calado; o raro é que non quedara mudo ao escoitar que, despois de 15 anos, as recomendacións da empresa encargada son comezar de novo. Paréceme un auténtico fracaso político, mírese por onde se mire. Sei que para vostede sempre será culpa de terceiros, non obstante sempre será un fracaso político.
Se me permite, suxírolle esta reflexión: Unha cidade que non medra nos tempos nos que nos toca vivir, será una cidade que mingua, xa que o resto si medra e por conseguinte a distancia agrándase día a día.

Por outra banda, quero dicirlle que nunca nos vai dar leccións de formas, xa que consideramos que as malas maneiras son un modo máis de prepotencia e ese concepto non entra dentro da nosa filosofía como grupo. O que si deberá facer vostede é analizar o porque de que xa van dous plenos nos que se permite dicir que “ os veciños danlles as queixas a vostedes pero vótannos a nós”; iso si que é, como di o noso compañeiro Bernardo Fraga, un acto de soberbia e, por suposto, a soberbia é unha mala compañeira de viaxe.
  Mire alcaldesa, nós imos seguir facendo oposición e dentro de seis meses falaremos outra vez do estado xeral do municipio; gustaríame ter que cambiar entón de opinión, porque querería dicir que as cousas van ben en Viveiro. Pero moito me temo que imos seguir como ata agora, ou sexa, na catarse, e iso é moi perigoso xa que o tempo corre moi a presa.

Un respectuoso saúdo, alcaldesa, e os meus mellores desexos dun bo ano para vostede e para todos os viveirenses, que saben que nos poden facer chegar as súas inquedanzas coa seguridade de que as defenderemos todo o que nos sexa posible.

Óscar Rodríguez.
Portavoz do Grupo Municipal do PP en Viveiro

Exit mobile version