Site icon Crónica3.com A Mariña

Por Viverio presenta unha moción para converter o edificio do Casino nun centro de actividades naúticas e deportivas

Sábado, 25 de xaneiro de 2020. A extinta sociedade elitísta do Casino de Viveiro, unha vez disolta, deixou en mans de Portos de Galicia o característico edificio situado nos recheos da fachada marítima de Viveiro.
O mencionado edificio está sendo obxecto de numerosos actos vandálicos, e obsérvase un abandono considerable por parte do organismo titular do mesmo.

Viveiro, nos últimos anos, viviu de costas ao mar en canto a actividades náuticas se refire, e todas as actividades realizadas na nosa ría son froito do traballo desinteresado das directivas dos distintos clubs e asociacións, que a pesar de instalacións pequenas e accesos perigosos ao mar, continúan con ilusión e entusiasmo coa súa actividade.

Temos club de piragüismo, club de remo en banco fixo, kaiaks e clubs de mergullo, pero un impulso da administración podería facer que Viveiro contara con máis actividades náuticas, como vela ou remo en banco fixo, por poñer algún exemplo.

Viveiro, carece ademais de locais e instalacións apropiadas para os clubs e entidades deportivas, que na maioría dos casos, contan con locais alugados ou carecen de salas e espazos de reunión.

A posición do edificio do casino, en primeira liña, e anexo ao Porto Deportivo, colocan esta edificación como idónea para acoller un Centro de actividades náuticas e deportivas, así mesmo, tamén podería acoller en parte da edificación as instalacións administrativas propias do Porto Deportivo, regresando a Garda Civil do Mar, á edificación que foi realizada para tal fin.

É por isto que propoñemos o seguinte acordo:

1. Instar a Portos de Galicia a reformar o edificio do Casino co obxectivo de destinalo a Centro de Actividades Náuticas e deportivas.

2. Instar a Portos de Galicia, a ceder, unha vez reformadas, as instalacións para os distintos clubs e entidades que así o soliciten e trasladar as oficinas administrativas do Porto Deportivo ao citado edificio.

3. Instar ao Concello de Viveiro a realizar as xestións oportunas para o cumprimento dos puntos 1 e 2, e no caso de resposta contraria de Portos de Galicia, solicitar a cesión do edificio e buscar en outras administracións o financiamento para a súa reforma e creación do Centro de Actividades Náuticas e Deportivas.

4. Dar traslado aos distintos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia, a fin do seu coñecemento.

Exit mobile version