Para o popular esta cuestión non tería maior importancia se non fora porque o edil en cuestión é o secretario dos socialistas en Burela, “todo un coordinador comarcal que non se cohibe en presentarse ante os medios de comunicación como o alcalde de Burela”, afirma.
Dada a circunstancia, e a advertencia dos funcionarios do concello, o rexedor convoca, “nunha situación nunca vista e pola porta de atrás”, un Pleno Extraordinario notificándoo con menos de 24 horas de antelación só para que Fernández Rey tome posesión da súa acta de concelleiro e poida participar no pleno de organización da vindeira semana.
“Dende o PP de Burela non nos opoñemos a que o concelleiro electo tome plena posesión da súa acta, só faltaría. O que si nos opoñemos son ás formas nas que se pretende facer, pois non se trata dunha situación de extrema urxencia, que é a única circunstancia na que a normativa permite este tipo de convocatorias exprés”, remarca Rouco.
Por este motivo, considera “lamentable, non só a parálise institucional á que está a someter o binomio PSOE-BNG a Burela, se non tamén a terrible humillación na que pretenden sumir o noso Concello con este tipo de situacións”. E é que Fernández Rey, nunha situación totalmente anómala, non acudiu ao pleno de investidura do seu compañeiro, e alcalde do municipio, tendo case que un mes e medio para tomar posesión da súa acta como concelleiro.
Preguntas sen resposta
Neste senso, dende o Partido Popular pregúntanse: “que cargo exerceu o Sr. Fernández Rey no Concello durante todo este tempo?, entra dentro da legalidade vixente?, merecémonos os veciños e veciñas de Burela este tipo de representantes?. O PP de Burela non pode nin vai a comulgar con este tipo de actitudes total e absolutamente irresponsables”, sentencia.