Site icon Crónica3.com A Mariña

Tá en Artes sorprendida polas declaracións de Javier J. Castiñeira

Viveiro 18 de Xaneiro do 2020. A Asociación Tá en artes síntese sorprendida polas declaracións do responsable do grupo municipal do PP, Sr. Javier Castiñeira, co que na súa etapa de alcalde de Foz mantivo boas relacións institucionais para o uso do CENIMA onde celebramos a Semana das Artes e a exposición anual dos centros escolares derivada da mesma. Así mesmo temos plantexada unha reunión sobre este tema co propio Javier Castiñeira ó que asistiremos para expresarlle o noso concepto.
Estes anos, vimos constatando a problemática do uso de este espazo singular para a comarca da Mariña. Entendemos, en primeiro lugar, que as propostas sobre o mesmo, teñen que levar un estudo previo, derivado das experiencias e dos axentes sociais que traballan a prol da cultura na comarca. En segundo lugar o proxecto debe ser impulsado en conxunto por tódolos grupos políticos de Foz, da Mariña, da Deputación e da Xunta de Galicia. Con tal motivo esta Asociación elaborou un proxecto marco que foi entregado ó actual alcalde Fran Cajoto e presentado ó director xeneral de cultura da Xunta de Galicia xunto ca presencia do propio alcalde de Foz. Os documentos elabóranse para ser discutidos, orientados, e modificados no seu caso, pola posibilidade de acadar un documento final para ser eficaz e sostible no tempo entendendo a base fundamental do problema, tal é, o respaldo de todos e todas independentemente da cor política que goberne en cada momento.
Entendemos dende o eido cultural, que as ideas teñen que ser maduradas para acadar os fines consensuados, e a política ser entusiasta xestionadora administrativa dos resultados para que o camiño sexa o doado, e dende esta perspectiva, conseguir o fin proposto. Está no ánimo de esta Asociación de vocación comarcal traballar sen interese partidista para que os/as cidadáns da Mariña podan desenvolver o seu potencial cultural e contribuír á educación que fundamenta a base desenvolvible de calquera pobo. Cremos en espazos comúns da Cultura na súa diversidade, para realizar proxectos dos que todos e todas aprendamos e podamos compartir con nenos e nenas na súa traxectoria formativa. Solo da capacidade de diálogo e as vontades persoais e políticas poderemos acadar os obxectivos.

Exit mobile version