Site icon Crónica3.com A Mariña

Entregados os premios na IX Festa do comercio de Acisa. Milleiros de persoas abarrotaron a carpa e o parque de San Francisco para asistir a esta cita

 Ribadeo, 11 de xaneiro de 2020. Acisa repartiu esta noite na IX Festa do Comercio 4.000 euros en vales de compra, que as afortunadas poderán gastar na hostalería e no comercio asociados ao longo dos dous vindeiros meses.
Desde o pasado 1 de decembro Acisa repartiu 200.000 papeletas entre os clientes do comercio e da hostalería asociados. Milleiros de persoas encheron nesta xélida noite a carpa e os arredores do parque de San Francisco. Tres pantallas xigantes e varios altavoces permitiron que todo o público puidese seguir con comodidade, tanto no interior como no exterior, a IX Festa do Comercio da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, que tamén se retransmitiu en directo a través de facebook.
O primeiro premio foi o denominado como non presencial, que se coñeceu mediante un programa informático, e que lle correspondeu ao número 77.801. O posuidor ou posuidora desta papeleta dispón ata o día 17 de xaneiro para presentarse nas oficinas de Acisa Ribadeo e así cobrar o premio. De non presentarse considerarase deserto.
As outras tres papeletas foron extraídas polas mans inocentes de tres nenas: Mar, Antía e Catalina, que levaron un agasallo de 50 euros en vales de compra de Acisa para gastar nos establecementos asociados.
O premio de 500 euros en vales de compra foi para o número 150.928 e correspondeulle a Ana María de la Cuétara González; o premio de 1.000 euros foi para o 35.774 e levouno Mª Teresa López García; e os 2.000 euros en vales de compra foron para o número 2.815. A gañadora foi Mari Carmen Río Ríos. Os premios fóronlles entregados polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, polo presidente e polo vicepresidente de Acisa, Francisco Iriarte e Juan Andina, respectivamente. As tres afortunadas son veciñas de Ribadeo.
As papeletas afortunadas foron entregadas en Farfala, en La Moda e en Bis a Bis.
Durante a IX Festa do Comercio de Acisa interviñeron o presidente da asociación, Francisco Iriarte, e o alcalde ribadense, Fernando Suárez. Varios directivos de Acisa, así como o concelleiro de Comercio, Pablo Vizoso, e as concelleiras Marta Rey e Elena Sierra, asistiron ao sorteo celebrado esta noite na carpa instalada no parque de San Francisco, que foi conducido pola xornalista Carmen Cruzado e polo xerente de Acisa, Jesús Pérez.

Exit mobile version