Site icon Crónica3.com A Mariña

Vega reivindica o apoio ao deporte base nunha xuntanza con membros da SD Burela

 Burela, 31 de xaneiro, 2020. O deputado do PP no Parlamento galego, Daniel Vega, achegouse este venres ás instalacións deportivas da Marosa acompañado do voceiro do Grupo Municipal Popular burelés, Manuel Rouco, para manter un encontro cos membros da xunta directiva da SD Burela.

Os populares continúan deste xeito a manter encontros con representantes de distintos colectivos e entidades da comarca para escoitar as súas demandas e trasladalas ás distintas institucións.

A SD Burela é unha entidade deportiva burelesa que nace no ano 1966 e que xestiona o equipo de fútbol da localidade, ademais de formar aos máis pequenos en relación a este deporte no marco das escolas deportivas nas que participan máis de 200 nenos e nenas.

Os populares defenden a súa actividade en estreita vinculación coa vila e a súa implicación co deporte e, en especial, co deporte base que contribúe ao desenvolvemento persoal dos rapaces e rapazas a través da ensinanza dos distintos valores asociados á práctica deportiva. Vega reivindica, polo tanto, a importancia deste tipo de servizos que prestan nos municipio da Mariña entidades deportivas coma a SD Burela.

Así, o deputado popular escoitou as necesidades que lle trasladaron os membros da directiva da sociedade co obxectivo de tratar de darlles resposta. Rouco, pola súa banda, lamentou que “non sexa o goberno local de Burela o que ofreza esas solucións que precisa unha entidade deportiva da magnitude da SD Burela”.

Exit mobile version