Salgueiro defendeu o debate de urxencia sobre este asunto tras “coñecer o contido do estatuto para consumidores electrointensivos que non resolve os problemas da gran industria electrointensiva de España e menos os problemas de Alcoa”. Os populares pediron a través desta moción o apoio aos traballadores; ademais de “instar ao Goberno do Estado a levar a cabo as modificacións pertinentes, dentro da fase de alegacións, para acadar un prezo da enerxía que cumpra coas expectativas de Alcoa e posibilite a actividade da multinacional na Mariña”.
O popular sinala que “tendo en conta que 5.000 familias dependen da fábrica de Alcoa instalada nos municipios de Xove e Cervo, pedimos aos representantes do PSOE e do BNG na Mancomunidade que trasladen aos seus representantes en Madrid e tamén ao Goberno de Pedro Sánchez a necesidade de realizar estes cambios” e que se axusten ás propostas da Xunta e dos traballadores de Alcoa co fin de garantir o futuro da industria de San Cibrao.
O rexedor xovense recorda que “son 1.100 os empregos directos que xera a planta de San Cibrao aos que hai que engadir os traballadores indirectos. Pero tamén as empresas de servizos e os comercios están a vivir da riqueza que xera esta importante fábrica na Mariña polo que é necesario que poida seguir a súa actividade con total garantía”.
Salgueiro insiste en que “o prezo que sae resultante deste estatuto é incluso superior ao que tiña Alcoa nos anos anteriores e, polo tanto, esiximos que se tomen as medidas necesarias para baixar ese prezo a un nivel competitivo que permita traballar á empresa en igualdade de condicións e cos mesmos prezos que teñen outros países de Europa coma Francia ou Alemaña onde o prezo do megavatio é moito máis baixo”.
Deste xeito, o alcalde popular advirte que “se non é así, Alcoa estaría incluso ameaza de peche o que sería unha traxedia para A Mariña e toda a provincia de Lugo”.
Medidas insuficientes
Os populares aseguran que “as medidas avanzadas polo Goberno son insuficientes. Son as mesmas que levou hai 20 días á mesa de traballo na que a propia Alcoa xa lle advertiu de que non eran suficientes”. Dende o PP de Lugo consideran que Galicia precisa un prezo eléctrico competitivo e estable: rebaixar o prezo ata os 35-40 €/MWh para que a industria electrointensiva traballe en igualdade de condicións que o resto de Europa.
Por outra banda, dende o PP lucense lamentan que para a elaboración do estatuto “non se tiveran en conta as propostas galegas, como a creación da figura de consumidores hiperelectrointensivos”. E, ademais, condenan que “pasamos de 119 posibles beneficiarias a 276 no borrador e 600 no actual (só 31 en Galicia)”. Por iso entenden que “con este estatuto, o Goberno vai na dirección correcta se quere acabar co aluminio primario en Alcoa-San Cibrao igual que fixo en Alcoa-Coruña”.