Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta renova o parque móbil dos inspectores de saúde pública con 28 novos vehículos híbridos na provincia

 Lugo, 11 de febreiro de 2020. A Consellería de Sanidade puxo á disposición dos inspectores de saúde pública da provincia de Lugo 28 novos vehículos para realizar as súas funcións.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que con esta iniciativa substitúense os vehículos con motorización diésel por outros de motorización híbrida, non enchufables, gasolina/eléctrico, para o desempeño das tarefas de inspección durante os vindeiros cinco anos.

Os novos coches estarán á disposición destes profesionais nas distintas áreas da provincia, tanto na zona centro como no norte e sur. Para a súa contratación, a Xunta tivo en conta de forma prioritaria o fomento do uso de enerxías máis limpas e con menos emisións de contaminantes.

Así, priorizáronse sistemas alternativos de motorización, pero que á vez fosen viables coas necesidades dos servizos de inspección e coas infraestruturas na comunidade autónoma (en toda Galicia entregáronse 125 vehículos).

O persoal inspector de saúde pública actúa conforme aos plans de vixilancia e control orientados a evitar riscos no ámbito da seguridade alimentaria e a sanidade ambiental, o que implica unha gran mobilidade e un gran número de desprazamentos por todo o territorio.

Exit mobile version