Site icon Crónica3.com A Mariña

“Apuntes sobre Xunqueira”, por Óscar Rodríguez

Xunqueira é para min un deses lugares fundamentais nesa patria de toda persoa que é a infancia. Nada do que ocorre en Xunqueira, como poboación, me é alleo. Agora que se barallan distintas opcións para evitar que ocorra outro desastre como o vivido en novembro de 2018 veñen ao meu recordo escenas e vivencias intensas dos anos da nenez. E, con elas, a necesidade de puntualizar afirmacións da alcaldesa, María Loureiro, respecto á recente reunión co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; quero puntualizar porque creo que terxiversa, intencionadamente e cun marcado interese electoralista, o actual estado de cousas neste asunto e desvirtúa o que alí se dixo.

Tiven a sorte de pasar 18 anos da miña vida entre Xunqueira e Valdeflores; non podo esquecer o meu vínculo co río, que corría na súa parte central entre o curtidoiro e as casas. Ao pechar os ollos recordo perfectamente a miña nai lavando a roupa, ao igual que o resto das mulleres, que enchían os postos máis próximos á ponte, así como os que estaban na parte superior, ao carón da pequena presa ao pé da fonte. Transcorrido o tempo, non se poden imaxinar a miña desazón cando vexo a reforma que se fixo no seu entorno. Que tremenda desnaturalización! Queda, para recordar o que foi, a obra pictórica de Ramón Barro, na que se poden apreciar paisaxes cheas de beleza natural inesquecible desa zona de Xunqueira.

Queda dito que teño un interese moi especial en todo o que ten que ver con Xunqueira. Como voceiro que son do Partido Popular de Viveiro quero deixar claras algunhas cuestións con respecto á situación de Xunqueira despois do fatídico desenlace da riada do 18-11-2018, e mais ben dende xuño de 2019, data na que comeza a miña vinculación coa vida política do Concello. Cando me interesei pola situación de Xunqueira, dende a Xunta respondéronme que estaban á espera de que dende a alcaldía se definiran con respecto ás posibles solucións que se sopesaron; dado que isto non se producía, por parte da conselleira e dos técnicos tomouse a decisión de ter unha reunión cos veciños, co Concello e a Deputación. Nesta reunión entregouse o plan específico, no que tamén se recollen unha serie de demandas expostas polos veciños. A Xunta pagará un terzo do custe da intervención.

A alcaldesa convocou unha reunión de portavoces para que os técnicos do Concello nos explicaran os pormenores, co fin de tomar unha decisión. Esta decisión ten que adoptala o equipo de goberno do Concello. A miña opinión é desfavorable a súa decisión de suprimir a ponte existente, xa que considero que non é preciso derruíla para ter un plan seguro para Xunqueira. Aínda así, decidiuse solicitar a Augas de Galicia un informe que inclúa a protección de dita ponte.

A resposta de Patrimonio é que non está protexida, pero no caso de ter que suprimila seria previo informe favorable de Cultura, xa que está nun entorno protexido. Recentemente dende a alcaldía solicitouse a Augas de Galicia unha reunión; celebrouse o pasado 18 de febreiro, en Lugo. En Augas de Galicia entendían que sería para a firma do convenio solicitado, pero non había tal convenio. Por iso, a directora preguntou: Vostedes, que queren? A esta pregunta a alcaldesa respondeu que quere que lle fagan o proxecto e que se licite a obra. E a directora de Augas accedeu. Acto seguido interveu a representante da Deputación, que manifestou que non firmará ningún convenio sen saber o importe exacto. Augas aclarou que o estudo está valorado, pero nin así accede a Deputación. O organismo provincial só está de acordo con facer un primeiro convenio para o proxecto e, despois, un segundo, para a súa posterior execución, o que vai supoñer un retraso importante na finalización das obras, pois deste xeito ímonos ao 2022.

Pola miña parte subliñei que nin os veciños de Xunqueira nin distintas asociacións culturais e, por suposto o PP, estarían dispostos a que se tire a ponte, o que vai supoñer seguramente outro atraso maior.

Dito todo isto, pensan vostedes que este non é un retraso considerable? Eu penso que é o conto da boa pipa, que isto vai para largo e que a nosa Xunqueira queda condenada por longo tempo debido a unha xestión mala e lenta, como en case todas as frontes, do goberno municipal presidido pola socialista María Loureiro. E non fai falta darlle moitas voltas á cabeza para entender o porque dunha posición tan pouco, nada, construtiva por parte do goberno municipal. Non lle importa as incomodidades e perigos que teñan que soportar os veciños con tal de intentar responsabilizar á Xunta dun retraso a todas luces provocado polo Concello. Sospeito tamén que se pretende ralentizar a execución do plan para ter un desafogo económico no Concello nestes primeiros anos e que, quen goberne despois, encontre un panorama caótico, cun feixe de proxectos por acometer e cunha economía municipal en quebra.

Pola miña parte, lamento que sexa así, xa que, de ter outra actitude a alcaldesa e a Deputación, isto tería unha solución mellor e moito máis rápida. Creo que, grazas aos gobernos de Viveiro e provincial, neste caso, ben se pode dicir aquilo propio das situacións que ameazan desastre: ¡Que Deus nos colla confesados en Xunqueira!

Óscar Rodríguez
Portavoz do PP en Viveiro

Exit mobile version