O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou hoxe que o Goberno galego conta cun investimento de 5 millóns de euros para este proxecto, que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador publico Retegal, para a construción das torres, e unha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva.
Balseiro afirmou que esta iniciativa é especialmente interesante para a provincia de Lugo, “que polas súas características de orografía e dispersión rural presenta aínda espazos de sombra, con dificultade ou ausencia de cobertura móbil”.
Os municipios interesados deben realizar a súa solicitude a través da sede electrónica da FEGAMP, na que os concellos teñen á súa disposición toda a documentación que deberán achegar, así como información adicional aclaratoria, a través da web http://www.fegamp.gal/content/convenio-amtega-fegamp-cobertura-mobil-no-rural.
Entre a documentación que deben presentar as entidades locais interesadas figuran a información das zonas nas que teñen constancia de deficiencias de cobertura, e detalle das parcelas que o concello pon a disposición para a instalación das infraestruturas de telecomunicación.
A Xunta calcula que poderán beneficiarse núcleos de ata 118 concellos rurais, repartidos a partes iguais nas catro provincias. En todos os casos serán lugares con vivendas nos que non hai cobertura móbil, e a maioría deles teñen menos de 10 habitantes.