Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros amplia a rede de compostaxe doméstica coa entrega de 30 composteiros

 Barreiros, 7 de febreiro de 2020. O Concello de Barreiros vén de xestionar con SOGAMA a entrega de 30 composteiros domésticos que pon a disposición daquelas persoas que queiran participar no programa promovido pola sociedade ambiental para a redución de residuos orgánicos nas vivendas, minorando a cantidade de lixo depositada nos contedores xenéricos, e a contribución a minimizar o excesivo uso de fertilizantes químicos mediante a obtención de compost orgánico.

Abertas as listas para anotarse para a entrega de composteiros durante o mes de febreiro.
Desde o Concello manteñen abertas as listas, ata o 28 de febreiro, para que as persoas interesadas poidan anotarse para recibir os composteiros, que se entregarán nun acto formativo que terá lugar no mes de marzo.
A entrega realizarase por estrita orde de anotación, para o que se debe chamar ao 982.12.40.02 facilitando nome, enderezo onde se situará o composteiro e número de teléfono.

Fomentar a compostaxe doméstica: reducir residuos para alimentar a terra.
Mediante o incremento do programa de compostaxe doméstica, o Concello de Barreiros pretende incidir na necesidade de reducir os residuos que se depositan no contedor verde xenérico, ao tempo que se pode obter un composto que se utiliza como acondicionador de solos en xardíns e hortas das vivendas que os fabriquen.
Desde a concellería de medio ambiente explican que para facer “compost” só se precisa un pequeno espazo na horta ou xardín e que nel poden depositarse restos orgánicos como froita, verdura, cascas de ovo, pousos de café, restos de poda, follas ou céspede.
Dámaso Ratoeira insiste en que “calquera persoa pode obter este produto e pode contribuír a reducir residuos, de xeito que os custos tanto económicos como ambientais da xestión do lixo se poden ver notablemente mellorados con un pequeno xesto.”
Xunto cos composteiros, entregarase un manual elaborado por SOGAMA para a realización da compostaxe doméstica e tamén se organizará unha xornada formativa no mes de marzo para aclarar calquera dúbida que poida existir.

Exit mobile version