Site icon Crónica3.com A Mariña

Cine e Cantos de Taberna en Trabada esta fin de semana

 Trabada, 13 de febreiro, 2020. O ciclo Trabada de Cine, impulsado polo Concello, continuará o vindeiro sábado coa proxección de ‘A Esmorga’, filme galego dirixido por Ignacio Vilar, que asistirá ao pase e participará nunha mesa redonda posterior á película.

‘A Esmorga’, que gañou seis premios Mestre Mateo, entre eles o de mellor actor para Antonio Durán “Morris”, no papel de Milhomes, é unha adaptación da novela homónima de Eduardo Blanco Amor, que se converteu nunha das obras narrativas máis recoñecidas da literatura galega. Completan o elenco Miguel de Lira (que interpreta a Cibrán) e Karra Elejalde, como Bocas.

A historia está ambientada na cidade de Ourense, lugar onde se rodou e onde transcorre a noite de festa dos tres personaxes principais. A cinta proxectarase ás 21.00 horas, na casa da cultura de Trabada, a entrada é de balde ata completar aforo.

Esta será a segunda proxección do ciclo de cine, despois do pase de ‘Sicixia’, dirixida por Ignacio Vilar, o pasado 18 de xaneiro. Unha película ambientada na Costa da Morte e recomendada para o fomento da igualdade de xénero. O propio director explicou aos asistentes a súa visión do filme, da rodaxe do mesmo e tamén da arte do cinema.

CANTOS DE TABERNA
A proxección da ‘Esmorga’ non será o único atractivo cultural de Trabada na vindeira fin de semana, pois o venres volverán os Cantos de Taberna, por terceiro ano consecutivo.

A música tradicional animará desde as 20.00 horas a noite no Mesón Camiño Norte e na A Taberna da Curuxeira.

Exit mobile version