No ano 2019, o persoal do servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da provincia de Lugo trasladou á Consellería de Política Social unha serie de necesidades e problemas que non se resolveron a inicios de 2020. Segundo o persoal serían precisas unhas vinte persoas máis no servizo, algo que a Consellería coñece dende o ano 2018. Ademais, as substitucións de persoal vacante que se teñen producido foron moi lentas e precisaríase unha equipa específica de emerxencias, con 4-5 persoas.
Paula Verao lembrou que “a Consellería foi informada sobre o gran número de horas de traballo que debe ocupar o persoal fóra da xornada laboral para poder sacar adiante os casos, horas que non son remuneradas”. Deste xeito, o persoal propuxo facilitar a modalidade de teletraballo para a axilización de informes, pois esta labor é interrompida ao longo da mañá na xefatura territorial.
A Consellería limitouse a colocar un ordenador nunha sala de reunións para a realización de informes, pero non é o lugar axeitado. A falta de persoal e o atraso na realización de informes leva a falta de axilidade na valoración e seguimento dos casos urxentes con calidade nas horas de traballo, algo que, tal como relata a deputada, “faise a costa do estrés do persoal e de que este utiliza horas do seu tempo de descanso para sacar adiante o traballo pendente”.
Paula Verao tamén reivindicou a solicitude do persoal de ter protocolos claros de actuación en todas as provincias, tendo en conta a Lei de protección de Menores, a Lei de protección de datos e a lexislación sobre procedemento administrativo, ao que a Consellería respondeu que xa se comunicou esta cuestión e que se está a traballar en ditos protocolos para toda Galicia.
Por último tamén resaltou outra demanda do persoal do servizo á Consellería, “a falta de seguridade e de intimidade pola localización do servizo dentro do edificio administrativo da Xunta”.