Con esta colaboración a entidade lucense disporá de 45.000 euros para os gastos que se consideran subvencionables a través destes convenios, entre os que se atopan os de contratación de persoal, amortizacións, financiamento de gastos correntes como arrendamentos, reparacións e material de oficina ou indemnizacións por razón de servizo, entre outros.
Para o control deste convenio crearase unha comisión de seguimento composta por dous membros a designar por cada unha das partes asinantes. Por parte da federación serán o presidente e o secretario e os outros dous membros dependerán da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar. A vixencia desta colaboración é ata o 31 de decembro do 2020.
A estes acordos de colaboración para o funcionamento das federacións de confrarías súmanse outros que están en tramitación -materializaranse nos próximos meses- e dos que se benefician tamén as catro organizacións de confrarías para o desenvolvemento de accións que melloren a competitividade da actividade marítimo-pesqueira. Os fondos destinados a esta partida permiten apoiar accións como a implantación de novas tecnoloxías para facilitar a actividade das federacións ou a organización de cursos e xornadas temáticas de interese do sector.