Site icon Crónica3.com A Mariña

Nordés Faladora organiza a III Xornada Alternativas do Rural

 O Vicedo, 19 de febreiro, 2020. Nordés ten entre os seus obxectivos dar visibilidade ao valores da comarca en varios campos, o patrimonio histórico, o patrimonio natural, o etnográfico, cultural, etc. En definitiva, dar a coñecer todo o potencial da comarca en torno á Serra da Faladora. Neste contexto, no 2018 comezou unha serie de actividades que tratan de mostrar diferentes alternativas de vida na nosa zona. Na primeira edición falouse das alternativas de emprego no sector primario (falando de agricultura ecolóxica, do sector forestal, etc). O ano pasado adicouse ás comunidades de montes, mostrando experiencias de Comunidades que están desenvolvendo un traballo moi bo noutras zonas de Galicia.

Este ano decidímonos por mostrar outras iniciativas que están saíndo adiante na comarca, pero máis relacionadas co sector servizos, tendo en conta que, a diferencia dos casos dos anos anteriores, estas iniciativas poderían desenvolverse nun entorno máis urbano, pero por moitas razóns decidiron implantalas aquí, na nosa zona. Exploraremos os motivos da elección, coñeceremos a fondo os seus proxectos, debatiremos sobre os cambios e tipos de vida no rural e, por tanto, veremos que é posible saír adiante nun entorno rural como o noso. Para esta edición contaremos con:

Alba Guijarro, de Eureka Actividades (animación sociocultural).
Noa Orizales, de Contidos Dixitais (posta en marcha de plataformas de formación online para empresas).
Claudia Frantzen, de Hidden Galicia (aluguer de casas e pisos).
Uxío Rodríguez de Viveiro Surf Escola (escola de surf).

O encontro será na Escola Unitaria do Folgueiro (O Folgueiro, 16) no Concello de O Vicedo e comezará ás 11:00h co faladoiro aberto onde se presentarán estas iniciativas e se abrirá un debate.

Xa a partir das 16:30h, un debate aberto onde se falará das oportunidades de vivir no rural.

Ás 14:30h será a comida, no Restaurante Area Grande praia de Area Grande, en San Román (15€ por persoa). O menú será de empanada de atún (masa follada e masa de pan), mexilóns, pote mariñeiro, postres caseiros/tarta xeada, café e bebidas. As anotacións para o xantar poden facerse ata o mércores 26 no teléfono 653 75 64 54 (Ricardo) ou no mail asociacion.nordes@gmail.com.

Exit mobile version