Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Riotorto denuncia o estado “intransitable” de varias pistas do municipio

Riotorto, 13 de febreiro, 2020. O BNG de Riotorto denuncia o deterioramento do firme de varias pistas empregadas a diario polos veciños para acceder aos seus terreos. A formación nacionalista pon como exemplo o estado en que se atopan algunhas vías da parroquia de Santa Marta, onde os traballos de corta e transporte de madeira deixaron intransitables camiños de uso público, e critica a deixadez do goberno do Partido Popular que non esixe a súa reparación aos causantes dos desperfectos.

“Despois de catro anos de mandato do PP e xa con case o 90% dos accesos aos pobos asfaltados cos cartos do Plan Único da Deputación, xa é hora de empezar a arranxar o firme das pistas que dan servizo ás veciñas e veciños para que poidan levar a cabo os labores agrícolas, gandeiros e forestais, o motor económico do noso concello”, esixe a formación nacionalista.

“Aínda que o grupo de goberno do Partido Popular, non queira ver o abandono das pistas; basta moverse un pouco polo territorio do concello para velo. É unha situación que se ven arrastrando desde que este goberno adoptou unha das súas primeiras decisións , aprobar un convenio coa asociación Provincial de Transformación da Madeira, que incumpría a ordenanza municipal e que exime as empresas madeireiras de depositar unha fianza ao inicio dos traballos. “Antepuxeron os intereses da asociación de empresarios aos dos veciños e estas son as consecuencias”, conclúen os nacionalistas

O alcalde elude render contas

O BNG tamén critica a pouca cooperación do grupo de goberno, que emprega todo tipo de recursos para evitar render contas e dar explicacións ante as preguntas que formula a oposición. Neste senso, sinalaron o silencio e a falta de interese do goberno municipal en relación co proxecto iniciado no mandato do BNG, para habilitar espazos expositivos nas escolas parroquiais reformadas.

“Eses museos, que se crearon con obxectos e materiais cedidos pola veciñanza seguen, cinco anos despois, sen abrir ao público; sendo unha clara mostra do pouco interese do goberno municipal polo patrimonio cultural e etnográfico, que non deixa de ser a nosa historia”, apuntan.

“O mesmo abandono sofre o roteiro do ferro, impracticable, malia ser unha ventá para mostrar a nosa historia ao mundo”, engaden desde a formación nacionalista que tamén demanda ao goberno do Partido Popular un inventario coa memoria das fontes do concello e facer un plan de actuación, “con criterios establecidos que garantan os mesmos dereitos a todos os veciños, e que poña fin a arbitrariedade coa que se toman as decisións sobre esta cuestión”.

Exit mobile version