Candia indicou que para o arranque do ciclo de conferencias elixiuse Outeiro de Rei por tratarse dun municipio no que, cun goberno do PP, se crearon as condicións adecuadas para estar libre de sufrir o problema do despoboamento. Tamén indicou que os populares quixeron abordar neste primeira entrega do ciclo a Lei de Impulso Demográfico de Galicia, porque marcará “un antes e un despois” na loita contra o despoboamento; “unha loita que en Galicia está liderada polo PP e sinaladamente pola Xunta de Galicia”, defendeu.
A este respecto, apuntou as distintas medidas xa adoptadas e previstas polo Goberno de Galicia para reverter a situación de despoboamento que xa se dá en distintas zonas de Galicia, en xeral, e da provincia de Lugo, en particular. A presidenta dos populares lucenses aludiu á necesidade de que se impliquen outras administracións públicas, e botou en falta que a Deputación de Lugo “non teña feito nada eficaz” neste sentido desde que goberna desde 2007. Felicitouse de que o movemento veciñal tamén se sume á busca de solucións contra o despoboamento.
A 1ª comunidade de España
Fabiola García salientou que Galicia será a primeira comunidade a nivel nacional en elevar as políticas demográficas a rango de lei. Nesta liña, destacou que o obxectivo da Lei de impulso demográfico é que todas as familias que queren ter fillos en Galicia conten con máis facilidades que en ningunha outra parte.
Así mesmo, subliñou que Galicia xa é pioneira neste eido coa posta en marcha de iniciativas innovadoras como as casas niño e as casas do maior, que crean novas opcións para conciliar en lugares onde antes non había.
Máis medidas para fixar poboación
Indicou que a Xunta de Galicia lanzará nas vindeiras semanas unha convocatoria extraordinaria de axudas para que todos os concellos galegos de menos de 5.000 habitantes sen escola infantil ou centro similar poidan contar cunha casa niño. Tamén apuntou que o obxectivo do Goberno galego é acadar a lexislatura con 60 casas do maior, pequenos centros de día asentados nos concellos do rural.
Outra das medidas históricas que a conselleira de Política Social destacou na súa intervención foi a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos para os segundos fillos e sucesivos, independentemente da idade que teña o primeiro. Unha medida que se porá en marcha a partir do 1 de abril nas escolas de titularidade autonómica, nas de iniciativa social e nas privadas.