Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe a María Loureiro que presente sen máis retraso o proxecto de orzamento municipal de Viveiro para este ano

 Viveiro, 10 de febreiro de 2020. En política, como no resto da vida, hai feitos e hai suposicións. O grupo municipal do PP di que, no caso da alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, fai xa moito tempo que deixou de ser posible supoñerlle certa capacidade de xestión; a estas alturas, no hai posibilidade de facer tal suposición porque ten demostrada, con feitos, a súa incapacidade neste terreo. E hai un perfil do labor de goberno no que a falta de eficacia da alcaldesa e do seu equipo se pon de manifesto con total claridade: o económico. No 2019 aprobou o orzamento municipal en novembro, é dicir, que peor xestión económica, imposible. E este ano vai polo mesmo camiño, segundo indica o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que di que se tal feito ocorre non será porque os populares non avisen nin deixen de instar ao goberno municipal a facer o que ten que facer que é presentar canto antes, e xa é con retraso preocupante, un proxecto de orzamento para o ano en curso.

Óscar Rodríguez di que é lamentable que a estas alturas de febreiro non estea convocada a correspondente comisión para traballar sobre o proxecto de orzamento. «Verdadeiramente é incrible. É difícil de entender que o goberno dun concello como é o de Viveiro incorra neste exemplo de mala xestión que é o retrasar a aprobación do orzamento. Queremos que ese proxecto se nos presente canto antes, porque Viveiro necesita dispoñer a tempo de presuposto».

O portavoz municipal dos populares avisa a María Loureiro de que no proxecto orzamentario terán que figurar as partidas necesarias para que sexa posible a execución das mocións aprobadas, que no caso do PP son numerosas. Así, Rodríguez recorda que será necesario prever o custe de implantar un transporte verde e sostible, mediante a instalación de puntos de recarga eléctrica e a renovación da flota municipal con vehículos verdes. Tamén se necesitará consignar os cartos precisos para facer accesible, mediante a instalación dun elevador, o pavillón municipal de deportes. Igualmente, terá que aportar o Concello a súa parte para a Escola de Idiomas. E o mesmo no caso das melloras que son precisas en Xunqueira.

Polo tanto, di Rodríguez, é preciso que o goberno municipal presente canto antes o proxecto orzamentario e que nel figuren as partidas necesarias para facer fronte aos compromisos económicos adquiridos, entre outras vías, pola da aprobación de mocións. Lamenta o portavoz popular que fose rexeitada no pleno pasado a proposta do seu grupo para abrir á participación dos cidadáns a elaboración do orzamento para o ano en curso. Espera que non pase o mesmo no do 2021. Pero de momento, a reivindicación do grupo municipal do PP, resúmese así en palabras de Óscar Rodríguez: «Orzamento municipal para 2020, xa!».

Exit mobile version