Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP insta a alcaldesa a aclarar porqué estivo pechada temporalmente a Oficina Municipal de Turismo de Viveiro

 Viveiro,12 de febreiro de 2020. A xestión de persoal é unha peza esencial para o correcto funcionamento dos servizos públicos, sinaladamente dos municipais. Non é xustificable, en condicións que no sexan extraordinarias, que un servizo municipal permaneza pechado cando debe de estar operativo. Días pasados chamou poderosamente a atención dos cidadáns un aviso pegado na porta da Oficina Municipal de Turismo de Viveiro no que se informaba de que permanecería pechada ata o día 10.

O grupo municipal popular, do que é portavoz Óscar Rodríguez, presentará preguntas ao goberno local, presidido pola socialista María Loureiro, para que explique distintos aspectos do peche temporal, ata a fecha antes reseñada, da Oficina Municipal de Turismo. A este respecto hai que sinalar que foron numerosos os hostaleiros que fixeron chegar ao PP queixas, en nome propio e dalgúns dos clientes dos seus establecementos, polo peche temporal de dito servizo.

Os populares queren que a alcaldesa aclare a qué se debeu o peche temporal da Oficina Municipal de Turismo. Igualmente, queren saber por que non se fixo a debida planificación e xestión dos recursos humanos para evitar que a oficina estivese inoperativa. Os edís do PP tamén se interesan por coñecer cal é a relevancia que dá o goberno presidido por María Loureiro ao citado servizo no marco da política turística do Concello que preside.

Outra das cuestións que ten interese en coñecer o grupo municipal popular é se hai ou houbo nestes días pasados baixas por motivos de saúde ou por outras causas que xustifiquen o peche ao que se refire o cartel que estivo pegado na porta da Oficina Municipal de Turismo. De non ser por esta causa, pregunta cal foi o motivo de que non estivera operativo o citado servizo.

Exit mobile version