Os citados deputados populares expuxeron que o presidente da Deputación ten que explicar que hai detrás da decisión de adquirir a acción de Tragsa. «Polo que imos vendo, esta resolución, adoptada por decreto do presidente da Deputación, non favorece en absoluto os intereses dos lucenses, porque non só non aforran nada co encargo a Tragsa do mantemento das zonas verdes provinciais, senón que estamos convencidos de que supón un encarecemento notable con respecto aos custes que tiña co servizo a cargo de Suplusa».
José Antonio García lembrou que no encargo feito pola xunta de goberno da Deputación a Tragsa para o mantemento da zona verdes se fixa un importe total de 412.594,03 euros, por seis meses; se isto finalmente é así, o citado servizo operado por Tragsa pode acabar custando considerablemente máis que cando se atendía por medio de Suplusa. García sinala: «Polo tanto, de aforro nada».
Os populares reclaman con firmeza do bigoberno provincial, presidido por José Tomé, que facilite información oficial do custe mensual para as arcas provinciais do mantemento por Suplusa das zonas verdes dependentes da Deputación.
Por outro lado, os dous vicevoceiros do PP na Deputación sosteñen que no encargo feito a Tragsa para o mantemento das zonas verdes non figura a cesión gratuíta da maquinaria de Suplusa, sociedade agora en liquidación, que, como xa se informou, está sendo utilizada actualmente por Transformación Agraria.
Parques empresariais
Desde o PP expresan a súa preocupación polo futuro dos parques empresariais que dependían de Suplusa e reclaman do goberno provincial, e concretamente do presidente, José Tomé, que deixe de actuar coa falta de transparencia coa que opera con respecto á citada sociedade.