Site icon Crónica3.com A Mariña

Os alcaldes socialistas certifican a lexislatura do abandono do rural na provincia

 Lugo, 17 de febreiro de 2020. A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero encabezou esta mañá a denuncia que realizaron os Alcaldes Socialistas da Provincia de Lugo, diante da Xunta, contra os recortes e ao abandono do PP de Feijóo ao rural lucense. Concretamente Otero dixo que “a última convocatoria do plan Marco de Camiños da Xunta rebaixouse nun 1 millón de euros na provincia de Lugo. O Delegado da Xunta anunciou a bombo e platillo que todos os Concellos da provincia xa podían solicitar as subvencións para estes proxectos, pero esquecéuselle dicir que todos os Concellos da provincia teñen recortes con respecto á pasada anualidade”.

Así as cousas, e coas cifras enriba da mesa Otero denunciou que dende “o ano 2016 que comezaron estas axudas ata ás anualidades actuais 2020-21, hai unha redución do orzamento total para camiños municipais dun 70%. É dicir Galicia pasou dun orzamento inicial de 20 millóns de euros no 2016, ata os 6 millóns de euros actuais. Concretamente na provincia de Lugo pasamos de percibir 5,3 millóns no ano 2016 paras os 67 concellos, aos 3 millóns actuais repartidas en dúas anualidades”.

Xermade, Lugo ou Vilalba
Segundo sinala a propia Xunta nesta convocatoria, estes camiños rurais “facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio e, contribúen ao aumento da competitividade agraria e forestal e facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias. Pois ben, os veciños de Xermade tiñan unha achega de 93.881 euros no 2016, e no 2021 contan 22.774 euros, o que supón unha rebaixa do 70%. O mesmo sucede en Lugo capital que no 2016 tiña 138.424 euros, e agora conta con 33.414, é dicir un 76% menos. Ou o Concello de Vilalba que recibiu 171.546 euros no 2016, e agora 39.043 euros, un 77% menos de axudas con respecto ao inicial”.

A lexislatura do abandono do rural
Otero dixo que “esta é a verdadeira lexislatura do abandono do rural, e Lugo é a provincia máis afectada polas políticas sectarias, de recortes e abandonos do Goberno de Feijóo, Balseiro e Candia”, espetou.

Feijóo converte aos veciños de Lugo en cidadáns de segunda
Así as cousas a Secretaria Provincial advertiu que “Feijóo e o PP están convertendo aos galegos que viven no rural en cidadáns de segunda, con menos servizos e menos investimentos. Hoxe falamos de recortes en camiños municipais, pero o mesmo sucede coa sanidade, coa demanda dunha unidade de ictus no HULA, ou na educación como o ultimo capitulo vivido no colexio Frei Luis de Granada de Sarria por citar algún exemplo”, remarcou.

Galicia na miseria
O Alcalde de Castroverde, Jose Maria Arias, que falou en representación dos Alcaldes, dixo que “esta é a era dos drons e das antenas, isto é o que Feijóo fixo con Galicia: recortes e recortes e campañas publicitarias cada catro anos. Pídolle que abandone as aldeas modelo e que acabe co minifundio en Galicia. Feijóo ten que ter suxeita a Galicia na miseria, solo lle convén isto, ter a Galicia na miseria”, resumiu.

Exit mobile version