Site icon Crónica3.com A Mariña

Pescados Rubén 4-0 Xaloc Alacant

 Burela, 23 de febreiro, 2020. Vista Alegre foi testemuña esta tarde dun Pescados Rubén Burela FS que deu un paso adiante en verticalidade, aínda que tamén con certos erros nos últimos metros, ante o novel Xaloc, un rival moi entregado que apelou á intensidade en defensa para mitigar a ofensiva galega, con 4-0 final. Por diante queda unha semana de dobre compromiso a domicilio para as mariñás, coa ida de semifinais de Copa Galicia o martes na Coruña con Viaxes Amarelle FSF (12.00 horas) e a xornada 22 o sábado na pista de STV Roldán (12.00 horas, en directo 7TV).

Toñi tivo que aplicarse a fondo ante a avalancha das Guerreiras. Peque e Cilene foron as primeiras en merodear a meta alicantina; a pichichi burelista asediou sen tregua; Luci e Jenny tamén rozaron o pau. Por fin, no 9, as mariñás abriron a lata, con firma de Jenny Lores que quedou diante da portería baleira ante a saída de Toñi fronte a Dany, en banda contraria; antes Ángela tivera a primeira con perigo con excelente resposta de Jozi. Peque, no 12, selou o gol da xornada cunha maxistral vaselina pola banda, desde case media pista, e tras sortear a tentativa defensiva do Xaloc. A xoia da Fervenza, Cris Lourés, estreou a súa conta laranxa rematando na liña de meta a ocasión de Jenny Lores. O pau evitou o cuarto, nas zapatillas da 21 mariñá, a 18 segundos para o descanso.

Menos fortuna nos metros finais tiveron as de Julio Delgado e Lucas no segundo acto. Avisou Lara Balseiro, esperando ao segundo pau Cristina, no 24. Pero pouco se fixo esperar o 4-0; no 25, Peque volveu facer acto de presenza, a pase de Jenny Lores, coa rede libre. Lucía Paz, tan só dous despois, resolveu moi ben para manter a portería galega a cero, ante Miriam, practicamente na única das visitantes. Unha e outra vez, a ofensiva do Pescados Rubén bateu contra a meta do pechacancelas, cunha defensa que pelexou ata o último balón: Jenny, Jenny Lores, Dany, Cris Lourés…

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Cristina, Cilene, Peque, Lara Balseiro, cinco inicial; tamén xogaron Jenny, Jenny Lores, Dany, Luci, Cris Lourés, Lucía Paz

Xaloc Alacant FS: Toñi, Eva, More, Miriam, Ángela, cinco inicial; tamén xogaron Tere, Sáez, Lydia, Claudia, Elena

Goles: 1-0, minuto 9, Jenny Lores; 2-0, minuto 12, Peque; 3-0, minuto 18, Cris Lourés; 4-0, minuto 25, Peque

Árbitros: Rodríguez Castro // Fernández Vega.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 21 de Primeira División disputado en Vista Alegre antes uns 400 espectadores.

Exit mobile version