Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé reivindica un modelo de xestión autonómica que garanta o desenvolvemento harmónico do territorio

 Lugo, 6 de febreiro de 2020. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, recibiu este xoves no Pazo de San Marcos a unha trintena de integrantes do colectivo Galicia Baleira, un acto no que reivindicou “o pleno desenvolvemento do noso modelo autonómico. Non precisamos unha lexislatura do rural, senón un modelo de xestión autonómica que dea resposta ás necesidades dos concellos garantindo a súa suficiencia orzamentaria e que promova un desenvolvemento harmónico do conxunto do territorio”.

José Tomé considera positivo que a iniciativa de Galicia Baleira xurda da colaboración de asociacións de veciños, e que a “sociedade civil faga súa a loita contra o despoboamento e a converta nun dos retos do noso tempo”. O Goberno central, destacou, así o ten recoñecido coa creación dunha Vicepresidencia de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

O Presidente resaltou así mesmo que dende a institución provincial se impulsan medidas para fixar poboación con dous eixos vertebradores: a creación de emprego sostible e a dotación de servizos básicos. “A boa acollida do programa Prende! Bota Raíces no rural ou a rede pública de residencias para maiores son exemplo do que demandan estas zonas xa que queren contar cos mesmos servizos públicos que os residentes nas cidades, queren que se lles presenten plans concretos de desenvolvemento para as súas comarcas ou unha orientación laboral axeitada á realidade do agro”, afirmou José Tomé.

Exit mobile version