Site icon Crónica3.com A Mariña

Constituído en Burela un comité de seguimento para analizar a evolución da situación orixinada polo covid-19

 Burela, 16 de marzo de 2020. Hoxe quedou constituído un comité de seguimento no Concello para analizar a evolución da situación orixinada polo Covid-19. O alcalde, Alfredo Llano, asinou un novo bando no que informa que o servizo de axuda no fogar so se manterá para aqueles usuarios que precisen atencións persoais e que non teñen coidadores que se poidan facer cargo de tarefas como o aseo persoal, levantarse, administración de medicación ou facer a comida, entre outras. Na Casa do Concello establecéronse uns servizos mínimos. Haberá atención telefónica e telemática e estarán operativos reténs de Obras ou Protección Civil, entre outros. Moitos departamentos traballarán desde as súas casas, co obxectivo de minimizar ao máximo posible a propagación do coronavirus. 

Alfredo Llano sinalou que “en Burela temos claro o obxectivo xeral e principal, que é reducir ao máximo a influencia do virus na sociedade, nos nosos veciños e en xeral. Por tanto todo o que se fai é con ese fin, para evitar a propagación e que siga avanzando”.

O alcalde contou que “pensando nese obxectivo organizamos as tarefas do Concello, xa se cerraron todas as dependencias municipais (deportivas, culturais, educativas, …) e no propio edificio do Concello fixemos unha proposta de servizos mínimos, coa que está a Policía Local atendendo desde as 09:00 ás 14:00 horas a entrada da xente que veña, pero poucas persoas van poder vir pois practicamente está pechado o sistema normal de funcionamento, excepto para casos moi concretos e xustificados. Pero o primeiro que se atopa a xente ao chegar á Casa do Concello é á Policía Local, que consulta se procede que esa cuestión sexa atendida persoalmente ou se debe facerse telefonicamente ou telemáticamente. Por tanto no edificio do Concello estará a Policía e tamén outra persoa para atender as chamadas de teléfono e desvialas a algún profesional municipal ou ben recoller a suxestión ou petición. Tamén temos atendido o Rexistro e o servizo de empadroamento por se fixeran falta, pero penso que non van ter practicamente usuarios. Ademais vai estar operativo Protección Civil, como é normal, e Obras, para ter un retén sobre todo para atender emerxencias eléctricas ou calquera cousa que poida derivar disto”.

Sobre o servizo de axuda no fogar (SAF) Llano explicou que “dependendo dos casos e da atención que hai que ter con certas persoas que a necesitan porque carecen de familia ou teñen unha dependencia moi grande, a eses usuarios imos manterlles o servizo. Procuraremos que non se sintan pouco atendidos aqueles servizos que poidamos facer, pero evidentemente a carga de traballo será moito menor da que vén sendo habitual”.

E engadiu que “aínda que o Concello estará aberto de 09:00 a 14:00 horas case todos os servizos, como Intervención, Recursos Humanos e outro tipo de servizos, vanse facer telemáticamente desde a casa. Isto faise loxicamente para evitar que existan aglomeracións ou colas no propio edificio do Concello. Estamos procurando, dentro dos nosos medios, facer as cousas o mellor posible e desde logo sempre co obxectivo claro de evitar a propagación do virus”.

No Bando asinado polo alcalde indícase que o servizo de atención temperá suspende as consultas individuais, aínda que unha persoas estará operativa no centro para urxencias e trámites.

Alfredo Llano tamén contou que “constituímos hoxe unha comisión municipal que vai facer un seguimento. Nese comité están o alcalde, concelleiros de todos os grupos políticos, a Policía Local, Protección Civil, o encargado de Obras e a Secretaría. Xa nos reunimos hoxe para constituíla e marcamos as pautas de funcionamento para facer un seguimento todo aquilo que teña que ver coa evolución do virus. Ademais analizaremos como se comporta a xente, trataremos de motivar para todo o mundo colabore e aprecie que está facendo un ben común para todos. Tamén miraremos como colaborar coas autoridades sanitarias e doutro tipo. E vamos facer a segunda reunión desta comisión este mércores, día 18”.
E desde o departamento de Pediatría do Centro de Saúde de Burela pedíronlle colaboración ao Concello na difusión da seguinte mensaxe: “evitar acudir a calquera centro sanitario salvo caso de extrema necesidade. Consultar telefonicamente”. E puntualizan que “nestas dúas semanas so vacinarán aos menores de 6 meses que xa estivesen citados. O resto de revisións quedan anuladas ata nova orde. Para recén nados contactar por teléfono co Centro de Saúde. Restrínxense as visitas salvo patoloxía non respiratoria que sexa urxente. Aínda así haberá un triaxe e si a patoloxía non require atención inmediata ou a corto prazo, mandarase ao doente para a súa casa. E habilitarase un sistema de citas por teléfono para patoloxías respiratorias”.

Exit mobile version