Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Sierra esíxelle a Fernando Suárez actuar para a “eliminación do lixo acumulado incontroladamente no lugar de Porto”

 Ribadeo, a 7 de marzo de 2020. A vicevoceira do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Elena Sierra, esixe ao goberno local do BNG a retirada do lixo acumulado nunha zona do lugar de Porto, en Santalla de Vilaousende. A popular considera que se está a converter nun vertedoiro incontrolado e, polo tanto, pídelle ao señor Suárez e ao concelleiro delegado de Medio Ambiente que actúen para a retirada do lixo acumulado neste punto ou que dean traslado da petición á autoridade coas competencias correspondentes.

Sierra recorda que “o Grupo Municipal do PP foi o primeiro en pedir ao goberno local un plan municipal de residuos para Ribadeo” ante a “falta de limpeza no noso termo municipal”. Concretamente, os populares ribadenses solicitaban a elaboración dun plan que recollese a limpeza viaria os 365 días do ano, incluídos parques e xardíns da zona urbana e do rural; ademais da limpeza dos colectores do lixo. Con todo, “o goberno do BNG non nos deu a coñecer ningún plan neste sentido e, agora, aparecen vertedoiros incontrolados”.

A vicevoceira do Partido Popular engade que “a nosa vila continúa sucia e con poucos efectivos para a súa limpeza”. De feito, “a limpeza dos colectores do lixo lévase a cabo de forma improvisada sen seguir un plan debidamente coordinado”. E a todo isto, “engádese agora a aparición de puntos de acumulación de enseres e outros materiais en zonas do rural do noso termo municipal”, lamenta.

Exit mobile version