Site icon Crónica3.com A Mariña

Gómez-Reino: “As medidas aprobadas polo Consello de Ministros son imprescindibles para que ninguén quede atrás pola crise social e económica do Coronavirus”

 Compostela, 17 de marzo de 2020. O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas cualificou a xuntanza mantida hoxe co presidente da Xunta e o resto de partidos políticos como “moi produtiva” porque nela “obtivemos consenso necesario en relación ao coronavirus e ao aprazamento electoral”. En primeiro termo, Antón Gómez-Reino quixo reiterar publicamente “o agradecemento ao conxunto da cidadanía polo enorme exemplo cívico que está a dar, afrontando unha situación tan complexa como a que estamos a vivir” e extendeu esas palabras “aos partidos políticos que temos a obriga de apoiar e dar unha imaxe de unidade que, sen dúbida, é positiva para todos e todas”.

O candidato insistiu durante a reunión sobre “a necesidade de reforzar equipos técnicos e humanos, tanto para a mellora da asistencia telefónica como nos elementos de diagnose” e engadiu que “a Xunta pode e debe facer todo o posible para loitar con todos os medios contra o coronavirus”.

En relación ao segundo dos temas abordados, o aprazamento electoral, Gómez-Reino cree que “é unha boa nova que se chegara a un mecanismo de acordo para o aprazamento” mais entende tamén fundamental que “se houbo consenso para ese aprazamento debería habelo tamén para atopar a mellor data posible que garanta a participación do conxunto da cidadanía”. “De cara á reactivación ten que haber seguridade xurídica e todas as garantías de que o conxunto de galegos e galegas poidan participar en réxime de igualdade da cita electoral”, sinalou. “O fundamental é que as eleccións se celebren nun contexto de normalidade, de tal maneira que se fale de datas cando estea resolta a crise sanitaria, económica e social”. Non sería adecuado desde o punto de vista de responsabilidade política poñer un horizonte ou prazo”. En todo caso, para o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas este é un asunto secundario xa que “agora mesmo a acción institucional ten que estar centrada na loita contra a pandemia, non só a nivel sanitario senón tamén tendo en conta as súas consecuencias económicas e sociais”.

Nesa liña Gómez-Reino considera prioritario que “tanto o goberno do Estado como a Xunta acometan un plan de choque social para que ningún galego ou galega fique atrás”. Así, quixo valorar as medidas aprobadas hoxe polo Consello de Ministros como “unha nova necesaria” que permitirá que a cidadanía do conxunto do Estado poida afrontar o impacto económico desta crise sanitaria. O candidato fixo referencia “a moratoria no pagamento das hipotecas ou dos subministros básicos como auga, luz e gas” así como “a flexibilización da regra de gasto para os Concellos ou a protección social das persoas traballadoras que se ven afectadas por ERTES” e que non quedarán desprotexidas.

Exit mobile version