Site icon Crónica3.com A Mariña

Milagros Louzán tomou posesión como concelleira en Foz este xoves, e ocuparase das delegacións de Muller, Igualdade, Migración e Sanidade

Foz, 4 de marzo de 2020. Este xoves, 5 de marzo, a número 8 da lista do PSOE ás eleccións municipais de maio de 2019, María Milagros Louzán García, tomou posesión no Concello de Foz como nova concelleira e ocuparase das delegacións de Muller, Igualdade, Migración e Sanidade.
Esta focega de 40 anos estudou Enxeñería de Camiños, Canais e Portos na Universidade de A Coruña. Nunha primeira etapa profesional, que durou máis de seis anos, dedicouse á xestión de obras públicas en varias comunidades autónomas. Coa chegada da crise decidiu especializarse e cursou un Máster de Prevención de Riscos Laborais e ademais un Máster de Formación do Profesorado. Durante as prácticas deste último Máster descubriu unha vocación tardía: o ensino. Tomou a determinación de impartir clases no ensino público e presentouse ás oposicións pola especialidade de Matemáticas, obtendo a praza no 2016. Actualmente traballa no IES de Foz.
Milagros Louzán chega ó posto a tres xornadas do Día Internacional da Muller, que este ano levará a manifestación unitaria da Mariña ás rúas de Foz. Feminista convencida cre que “o feminismo aínda ten moito polo que loitar: cando eu tiña 20 anos non podía imaxinar que no 2020 as enfermeiras, as mestras e as coidadoras fosen aínda na súa maioría mulleres, nin unha foto do Consello Xeral do Poder Xudicial onde todos fosen homes. Isto demostra que queda moito por andar en canto a igualdade. A incorporación dos homes ós coidados é unha tarefa pendente”. Por outra banda, Milagros Louzán defende “un feminismo integrador e aberto no que todas as mulleres e todos os homes traballen nos seus respectivos ámbitos para acadar a igualdade real.”
Outra das áreas que abarcará a nova concelleira é Migración, con respecto á cal opina que “sendo Galicia un país de migrantes non concibo unha política pública que non se preocupe pola integración e o benestar deste colectivo. Desde o Concello traballaremos para mellorar o nivel de integración dos migrantes e desmentir os bulos sobre os mesmos que só conseguen aumentar a xenofobia e o racismo.”
Con respecto á sanidade Milagros Louzán declara que “estamos ante un momento crítico de desmantelamento da sanidade pública en Galicia. Derivar servizos á sanidade privada é o primeiro paso para facer que no sistema sanitario primen os criterios económicos antes que os puramente médicos. Non nos podemos permitir que os pacientes sexan vistos como euros, e iso é o que pasa cando os hospitais son entidades privadas. Desde os concellos podemos recibir e canalizar as queixas dos veciños, ter o diagnóstico da situación feito para que cando haxa cambio de goberno na Xunta de Galicia poidamos esixir un bo trato desde esa administración para cos concellos do rural.”

Exit mobile version